spot_img
InicioBaixo MiñoO Rosal solicitará incluír as sobreiras da Ermida da Madalena no Catálogo...

O Rosal solicitará incluír as sobreiras da Ermida da Madalena no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

O Rosal solicitará incluír as sobreiras da Ermida da Madalena no Catálogo de Árbores Senlleiras de GaliciaO Concello do Rosal, en colaboración coa Comunidade de Montes de Eiras, solicitará que o conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena sexan incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público no que se inclúen todos aqueles exemplares e formacións que se considera que deben ter unha protección especial polas súas excepcionais características.

“Para nós é importante salientar dalgún xeito a riqueza histórica, ambiental ou patrimonial que temos no municipio. Cremos que estas árbores reúnen as serie de condicións que as fan idóneas para que sexan incluídas no catálogo, polo seu porte, pola paraxe na que se atopan, pola súa singularidade…”, asegura a alcaldesa, Ánxela Fernández. Esta iniciativa conta coa aprobación da asemblea da Comunidade de Montes de Eiras e coa especial implicación do seu presidente, Xoan Carlos Gándara.

Valores singulares

Na solicitude destacaranse os principais valores destas catro árbores singulares. Por un lado, a súa situación, xa que se atopan no cumio do alto da Madalena, dende onde pode contemplarse “unha interesante panorámica da ribeira do Miño e do seu esteiro”, como recolle a moción presentada e aprobada por unanimidade en pleno o pasado 24 de xaneiro. Farase referencia tamén á talla das árbores, cuns perímetros de 485, 430, 385 e 197 cm (medidos a 1,3 m de altura), e á singularidade de que se atopen xuntos varios exemplares de gran porte e tamaño, formando entre todas unha copa cunha base de forma elíptica de 32 m no eixo maior e 23 m no menor.

A beleza, recollida en numerosas fotos publicadas en diferentes medios ou na obra dos pintores goianeses Antonio Fernández e de Xabier Pousa, é outra das características que se destacarán na petición de inclusión. Tamén se incluirá o seu valor histórico ao estar ao carón dun xacemento arqueolóxico e da Capela da Madalena, ben de interese patrimonial catalogado. As tradicións serán outro valor a destacar, xa que nas inmediacións das sobreiras ten lugar anualmente unha romaría no mes de xullo.

Este catálogo, que está en constante actualización, ten rexistrados neste momento case 200 elementos espallados por toda a comunidade galega, 157 exemplares individuais e 39 formacións arbóreas. En caso de incluírse neste catálogo, este conxunto de sobreiras consideraríase protexido, o que implicaría a prohibición de calquera acción que puidera afectar negativamente a súa integridade, saúde ou á súa aparencia e calquera proxecto a realizar necesitará autorización administrativa previa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta.

- Publicidade -spot_img