spot_img
InicioO SalnésA Illa da Toxa acolle a sétima edición do Atlantic Workshop

A Illa da Toxa acolle a sétima edición do Atlantic Workshop

a-illa-da-toxa-acolle-a-setima-edicion-do-atlantic-workshop

A cita, que arranca este luns 27, tratará aspectos económicos da enerxía e o cambio climático, onde preto de 50 investigadores de diferentes países reúnense na procura das claves para coidar o planeta.

Como cada dous anos, a illa da Toxa acolle os vindeiros 27 e 28 de xuño o Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE), unha cita que, na súa sétima edición, xa goza dun prestixio que o converte nun dos congresos de referencia en economía enerxética e medioambiental a nivel europeo, pero que mantén a filosofía coa que comezou, “crear un punto de encontro internacional onde se discutan os avances recentes nun campo académico en ebulición”, como destaca o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade e membro do comité do congreso, Xavier Labandeira.

O simposio está organizado por Economics for Energy coa colaboración do Centre for Energy Policy and Economics (CEPE) e do Centre of Applied Economic Research Münster (CAWM), ademais do apoio da agrupación estratéxica Ecobas. Presenta como gran diferenza respecto da súa primeira edición “o seu recoñecemento e interese a nivel internacional”, engade Labandeira, que fai fincapé na gran cantidade de traballos que foron presentados, “máis de cen, dos que só puidemos aceptar unha pequena parte”.

Sen tema específico, pero con conciencia ecolóxica

Como é tónica xeral, o Atlantic Workshop non presenta un tema específico sobre o cal deban versar todos os documentos presentados, “aínda que o núcleo do evento céntrase nos aspectos económicos da enerxía e do cambio climático”, explica Labandeira, quen para dar constancia deste feito subliña que “moitos dos traballos expostos teñen que ver coas políticas públicas aplicadas nestes ámbitos”. En definitiva, serán dous días nos que o catedrático espera que os asistentes “coñezan os avances académicos e a fronteira do coñecemento nos campos temáticos do workshop”.

Un dos grandes condicionantes do congreso é a súa distribución en grupos moi reducidos, “entre 40 e 50 persoas, a asistencia ideal para poder cumprir cos obxectivos do workshop”. Aínda que o evento mantén a estrutura tradicional no que respecta ao seu programa, esta sétima edición vén acompañada dunha redución no número de convidados, “entre os que distinguimos aos relatores principais e os investigadores invitados”, comenta Labandeira. Para conformar o primeiro grupo, acudirán á Toxa dúas grandes figuras da materia, o profesor Rick van der Ploeg, da University of Oxford, e a investigadora Karen Palmer, con máis de 20 anos de experiencia na organización sen ánimo de lucro Resources for the Future.

Todos os convidados presentarán os seus traballos, e ademais os que acudan en calidade de investigadores invitados deberán xestionar sesións científicas e comentar outros documentos presentados. Dentro desta categoría, estarán presentes na illa Antonio Bento (SC), Christoph Böhringer (KIT), Marco Casari (UNIBO), José María Labeaga (UB e UNED), Juan Pablo Montero (PUC) e Michael Pollitt (University of Cambridge), que traballarán en colaboración co comité do workshop, formado polos profesores Massimo Filippini, do ETH e Andreas Löschel, do ZEW, acompañados polos docentes da Universidade de Vigo Carlos de Miguel e o propio Labandeira.

Un futuro incerto para o planeta

Labandeira incide no gran reto que ten por diante a sociedade no ámbito climático, consistente en “desenvolver as tecnoloxías e aplicalas para que o incremento da temperatura media da Terra non supere os 2ºC”. Seis meses despois da COP21, a Conferencia sobre o Cambio Climático de París, o profesor considera o acordado no cumio da capital gala coma “un paso adiante”, aínda que recoñece que está moi condicionado ás contribucións nacionais propostas, xa que “é un obxectivo que requirirá da aplicación de políticas moi intensas e extensas ao longo dos próximos anos”.

O pouco voluntarismo das autoridades estatais continúa a ser o grande obstáculo para poñer en práctica todo o acordado, a xuízo do investigador, quen sinala a existencia de compoñentes vinculantes no acordo firmado en París, ao tempo que lamenta “a dificultade de comprometer a un país que non quere colaborar”. Gran parte deste inmobilismo ten que ver co descoñecemento xeral das consecuencias que poden acompañar ao cambio climático, “riscos que a sociedade está descubrindo pouco a pouco” nunha aprendizaxe na que aínda queda “moito camiño de concienciación e actuación incluso nos países máis avanzados”, conclúe.

Universidade Vigo/P.Santos

- Publicidade -spot_img