O Concello da Guarda, a través da Concellería de Cultura, ven de programar varias actividades baixo o proxecto “Música nos Xardíns” para por en valor a escena musical e de festivais a nivel local, en consenso coas asociacións culturais da vila.
Debido a pandemia do COVID-19, se tiveron que suspender os grandes eventos musicais existentes na vila da Guarda e que enchen de música cada verán diferentes espazos do noso municipio, é por elo, e ante as novas medidas de prevención e distanciamento social, que o concello da Guarda decidiu apostar por un proxecto no que se representasen aos colectivos que cada ano organizan festivais musicais, pero nun novo formato, “Música nos Xardíns”.
Deste xeito, e despois manter varias conversas coas asociacións encargadas da realización destes festivais, decidiuse realizar varios concertos con grupos locais en formato reducido e cun aforo limitado nos xardíns do Centro Cultural da Guarda, concertos que serán apadriñados por cada Festival musical. O emprazamento para a realización destes concertos foi elixido entre as asociacións involucradas como o máis axeitado para a súa realización, e terán lugar os días 31 de xullo, 21 de agosto e 4 de setembro ás 21:00h.
A Sala de Exposicións do Centro Cultural amosará tamén nestes días unha exposición fotográfica titulada “Festivais da Guarda”, con imaxes de varias edicións dos festivais musicais máis significativos que se teñen realizado na vila nos últimos anos.
PROGRAMA
Venres 31 de xullo
Concerto de Milhomes ás 21:00h – Concerto apadriñado polo Interlude Fest.
Milhomes é un dúo instrumental guardés con influencias de Fu Manchú, The Sword, Kyuss, Napalm Death, Black Sabbath, Immortal, Entombed…
Venres 21 de agosto
Concerto de Ded Routines ás 21:00h – Concerto apadriñado polo Galifornia Beat
Ded Routines é un dos segredos ocultos da escena subterránea galega. A banda nace en Camposancos na Guarda, bebendo de toda esa tradición rock que pasa por Dead Moon, Scientists, Rowland S. Howard o Big Star, para definir un son realmente persoal…
Venres 4 de setembro
Concerto de Helen & Shanna ás 21:00h – Concerto apadriñado polo Rock Guardés
Cunha forte influencia folk, «Helen & Shanna» recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Charla previa de Fernando Rego sobre “Unha historia da música en Galicia. 1952 – 2018”
Para asistir a estes eventos é preciso formalizar unha inscrición previa no Centro Cultural da Guarda no 986 61 1850(en horario de 9:00h a 14:00h) ou no enderezo electrónico centrocultural@aguarda.es