As case 100 millas da subida ao Carrumeiro Chico desde Baiona disputaranse no marco do 45º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell
Tripulacións de Galicia e Portugal bateranse mañá venres en augas do Atlántico para tratar de vencer na regata máis emocionante e complicada da vela galega, a subida ao Carrumeiro Chico, un percorrido de case 100 millas de distancia enmarcado no 45º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell, que organiza un ano máis o Monte Real Club de Yates.
Poucos baixos hai en Galicia tan coñecidos como o do Carrumeiro, unha pedra considerada durante moitos anos uno dos maiores perigos para a navegación polas rías galegas. Xusto no centro da canle de entrada á ría de Corcubión, e sen balizar ata 1863, esta roca, que apenas sobresae sobre a superficie, protagonizou numerosos naufraxios ao longo da historia.
Co obxectivo de tentar evitalos colocouse sobre ela primeiro unha boia de campá, posteriormente un trípode metálico de 5 metros e despois unha boia cónica, pero os temporais foron varrendo estes sistemas uno a un, ata que en 1917 construíuse sobre a roca unha torre maciza de formigón de 10 metros de altura que se mantén intacta desde entón.
Son eses baixos e esa torre a que deberán virar os aventureiros regatistas que este ano se inscribiron para tratar de completar o reto do Carrumeiro Chico, unha regata complicada non só pola distancia, próxima ás 100 millas, senón porque implica navegar entre baixos rocos durante moitas horas e tanto en horario de día como de noite.
Entre as oito tripulacións que participarán na proba atópase a que lidera armador e patrón portugués Rui Ramada, que leva participando na competición desde 1988 con diferentes equipos e a bordo de ata 5 barcos diferentes.
Na última edición do Conde de Gondomar, co Yess Too (un Swan 45), foron os gañadores, impoñéndose tamén na subida do Carrumeiro, que venceron tanto en tempo real como en compensado. Saíron ás 11 da mañá de Baiona con toda a frota, viraron o faro da ría Corcubión ao fío das 7 da tarde e alcanzaron a chegada ás 4 e media da madrugada. Empregaron 17 horas e 36 minutos en completar as 95,43 millas de percorrido.
Os de Rui Ramada lograron a vitoria na gran proba do Conde de Gondomar pero quedaron a máis de 5 horas de superar o récord do Carrumeiro Chico, que ostenta desde o 2011 o Cenor & De Dietrich (un Farr 50) que, con Martín Bermúdez da Puente á fronte, logrou completar a regata en 11 horas 56 minutos e 57 segundos.
Outro dos barcos que navegarán ata o Carrumeiro será o Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canle, con Pablo Iglesias de táctico. Os ourensáns, lucindo grímpola do Real Club Náutico de Vigo, tratarán de lograr a súa quinta vitoria no Conde de Gondomar.
O náutico vigués é o que máis representación terá na proba de longa distancia, xa que ademais do Aceites Abril tamén competirán o Pairo 8 de José Luis Freire, patroneado por Luís Bugallo; e o Magical de Julio Rodríguez, con Gonzalo Araujo encargado da parte táctica.
Polo Monte Real Club de Yates, ademais do Yess Too, tamén aspira á vitoria o Marías, liderado por outro portugués, Manuel María Cunha.
O Real Club Náutico de Portosín estará representado polo Arroutado, de José Manuel Pérez, ao que acompañará Javier da Gándara. O regatista vigués, despois de anos competindo no Conde de Gondomar a bordo do J80 Okofen, volve á navegación de longa distancia cos sonenses.
O Bon III, do Náutico de Punta Lagoa, outro dos habituais na subida ao Carrumeiro Chico, estará liderado por Victor Carrión e levará a bordo a Ana Sardiña, unha das poucas mulleres rexistradas para esta regata xunto con Vanesa Martínez, do Marara IV, do Club Marítimo Rías Baixas, que patroneará unha vez máis Javier Montenegro.
Este ano, tras saír de Baiona ás 11 da mañá, a previsión é que os veleiros empecen a cruzar a liña de chegada ben entrada a noite, tras máis de 12 horas de navegación ininterrompida. O seu percorrido poderase divisar desde numerosos areais das Rías Baixas e tamén seguir en directo a través da web do Monte Real Club de Yates, que transmitirá a posición das embarcacións durante todo o percorrido. Será unha xornada de regata tipicamente estival, con sol e calor, pero tamén con bo vento para navegar.