Logo do éxito acadado polas últimas producións realizadas en lingua galega –O que arde, Longa Noite e Trinta lumes–, o Servizo de Normalización Lingüística dependente da Concellería de Normalización Lingüística que xestiona a alcaldesa Digna Rivas vén de impulsar unha iniciativa que, baixo o nome de ‘Filmoteca Galega’, busca crear un fondo propio que incluirá curtas e longametraxes, documentais e cine infantil.
O obxectivo, sinala Digna Rivas, “é seguir aumentando este fondo do cinema galego feito en galego e que Redondela, que sempre foi un referente histórico na defensa da nosa lingua, sexa tamén un lugar de referencia para o noso cinema”.
Coa posta en marcha desta ‘Filmoteca Galega’, o Concello de Redondela tamén anunciou a adquisición de novas películas como O que arde ou Dhogs que se poderán recoller tanto na biblioteca Xela Arias de Chapela como na Valle-Inclán de Redondela.
A posta en marcha desta Filmoteca Galega, sinala a rexedora local, “estaba prevista para o mes de maio co gallo do Día das Letras Galegas algo que a situación de alerta sanitaria impediu e que agora queremos incorporar ás actividades preparadas para o Día de Galicia”