O Concello da Guarda obtivo 3 Flores nesta edición na que participaron un total de 39 municipios galegos.
O Concello da Guarda participou un ano mas no Certame Vilas en Flor celebrado o pasado venres día 2 de decembro nunha gala que tivo lugar no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. Este ano participaron 39 concellos de toda Galicia e en función da súa traxectoria e as accións levadas a cabo para poñer en valor os seus espazos verdes, a xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna, acadaron diferentes distincións, sendo o Concello da Guarda agraciado con tres flores de honra.
O acto estivo precedido por unha xornada técnica cun relatorio que abordou aspectos sobre a mala praxe na xestión do arborado urbano en pobos e vilas de Galicia, impartida por Francisco Rodríguez Trinidad. Posteriormente, procedeuse á lectura da acta do xurado e á a entrega das Flores de Honra, á que asistiron o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; a conselleira de Medio Ambiente, María Ángeles Vázquez Mejuto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e o director do Movemento Vilas en Flor e director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza. Tamén asistirán representantes das entidades organizadoras e patrocinadoras, como o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez Vilar, e o presidente de ASVINOR, Ignacio Etxebarria. Participou en representación do Concello da Guarda a Tenente de alcalde e Concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes e a técnica de Medio Ambiente municipal, Tamara Otero.
“Vilas en Flor” é unha iniciativa que comezou a súa andadura no ano 2018, co obxectivo de apoiar a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos, impulsada pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR). Este movemento segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co patrocinio de Rain Bird, Husqvarna e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa contribución ao desenvolvemento local a través da paisaxe, xerando actividade do propio sector da planta ornamental e da xardinería, así como un aumento de visitas turísticas. De feito, existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas, construíndo unha marca de calidade local.