spot_img
InicioBaixo MiñoA Feira do Viño do Rosal celebra os seus 30 anos de...

A Feira do Viño do Rosal celebra os seus 30 anos de vida con gran número de actividades e nunha contorna renovada

A Feira do Viño do Rosal celebra os seus 30 anos de vida con gran número de actividades e nunha contorna renovadaOs días 7, 8 e 9 de outubro a Praza do Calvario acollerá o evento onde os caldos do Rosal maridarán con música, gastronomía ou actividades inclusivas e infantís

Revista COUSAS DE nº14

A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar as súas tres décadas de vida cun evento no que haberá unha morea de actividades para todos os públicos nunha contorna única. “Trinta anos non se cumpren todos os días. E queremos facelo por todo o grande, cunha morea de actividades para todos os públicos, na renovada Praza do Calvario e retomando esa convivencia que tanto botabamos de menos na pandemia”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das adegas e empresas participantes na feira.

Vólvese a unha feira presencial na que a gastronomía e as exposicións tamén se sumarán como elemento esencial e na que se contará de novo cun pregoeiro de altura, o valenciano Pedro Ballesteros, o primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis saben de viño no mundo. El dará o pistoletazo de saída á feira o venres 7 cunha cata ás 12.30 h e co pregón durante o acto inaugural ás 20.00 h. O concerto de Moon Cresta porá o peche á primeira xornada.

Xa o sábado 8 as casetas abrirán ás 11.30 horas para dar paso ás 12.00 h ao showcooking dos chefs Iván Méndez e Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional Eurochef, do que forma parte Eu Rural. Ás 13.30 h concerto lixeiro con Blues do País ao abeiro do proxecto Música e Viño no teu Camiño, promovido por Eu Rural dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Pola tarde é a quenda dos máis pequenos, que desfrutarán da maxia co Mago Paco ás 17.00 h. Logo virá un clásico da Feira, o grupo de gaitas Airiños do Folón, que deixarán paso ao concerto de peche da xornada, o do grupo Broken Peach.

Xa o domingo 9 o día arranca cos xogos da empatía, “porque somos terra de viños, pero tamén de inclusión. Con estes xogos porémonos todos e todas do outro lado e comprobaremos como é xogar ao baloncesto en cadeira de rodas, xogar á petanca a cegas por parellas, correr cos ollos pechados… Todo un reto e unha forma de sensibilizar a toda a veciñanza”, explicou a rexedora. O concerto lixeiro das Pandereteiras Tremelique ás 13.00 h acompañará ao público mentre se toma un bo viño do Rosal. O broche de ouro da Feira correrá a cargo de Awen, que ofrecerá un concerto a partir das 20.00 h.

O Concello habilitará un servizo de autobús

Fernández Callís quixo agradecer a todo o colectivo de adegas “todo o seu esforzo, non só por levar traballando 30 anos na Feira do Viño do Rosal, senón tamén por manter vivo un dos principais sectores económicos do noso municipio”. Pola súa banda, o presidente da confraría, Enrique Costas, quixo enxalzar “o labor de todas e todos os que achegades a vosa axuda para visibilizar o noso traballo e que os nosos veciños e veciñas se sintan orgullosos. Sabemos que os éxitos dos viños do Rosal son éxitos para o territorio e para as persoas que viven nel”.

O Concello habilitará un servizo de autobús. Nos vindeiros días darase a coñecer percorridos e horarios.

- Publicidade -spot_img