spot_img
InicioVigo e áreaRedondelaA Fábrica do Alemán - Museo Meirande de Redondela acolle a exposición...

A Fábrica do Alemán – Museo Meirande de Redondela acolle a exposición «Fillos do océano»

A Fábrica do Alemán do Concello de Redondela acolleu hoxe a presentación, da exposición «Fillos do océano», un proxecto fotográfico de Javier Teniente.

Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Redondela, ABANCA e Afundación, entidades que estiveron representadas no acto de inauguración, pola alcaldesa de Redondela, Digna Rosa Rivas Gómez; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa Martínez; José Luis Romero Quiroga, coordinador de Banca Institucional de ABANCA; Víctor Vázquez Saavedra, director de Zona Vigo Norte de ABANCA; e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.

As comunidades de pescadores artesanais de todo o mundo, así como as mulleres e homes que viven por e para o mar, son as protagonistas da exposición «Fillos do océano», que reúne imaxes únicas de lugares como Galicia, Senegal, Andalucía, Nicaragua, India, Sri Lanka, Brasil, Panamá, Madagascar, Vietnam, Noruega ou Indonesia.

A Fábrica do Alemán - Museo Meirande de Redondela acolle a exposición «Fillos do océano»

«Fillos do océano» é unha homenaxe a todos os mariñeiros artesáns que viven do mar e para o mar; ámano, venérano e obteñen del todo o preciso para a súa supervivencia. Mais pretende tamén ser unha chamada de atención sobre a vulnerabilidade dos ecosistemas mariños, para que respectemos e preservemos os océanos da destrución que hoxe ameaza este medio tan fráxil e indispensable para a nosa supervivencia. Só así, conservando e respectando o medio natural, se manterán estas ancestrais culturas ligadas á pesca tradicional e artesanal.

Poderase visitar ata o vindeiro 29 de abril na Fábrica do Alemán (lg. de Rande, s/n), de martes a venres en horario de 16.00 a 19.00 h, e sábados e domingos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural» que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

- Publicidade -spot_img