Inicio Vigo e área Vigo A dixitalización, a automatización e a robótica avanzada son os principais retos...

A dixitalización, a automatización e a robótica avanzada son os principais retos da frota oceanográfica europea

A dixitalización, a automatización e a robótica avanzada son os principais retos da frota oceanográfica europeaÉ unha das principais conclusións dunha xornada celebrada esta semana no Centro Tecnolóxico do Mar sobre os desafíos máis inmediatos aos que se enfronta o sector dos buques de investigación

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, acolleu esta semana un encontro para analizar o presente e o futuro da frota oceanográfica europea no que se comprobou como a dixitalización, a automatización e a robótica avanzada, así como o uso de combustibles alternativos e de novas fontes de enerxía renovable, son os principais retos aos que se enfronta na actualidade o sector dos buques de investigación.

Neste sentido o evento, que foi inaugurado pola directora xerente do Cetmar, Paloma Rueda, revelou a necesidade de mellorar as condicións técnicas e tecnolóxicas da frota actual para afrontar os desafíos futuros da investigación e incidiu en que hai buques oceanográficos que están preto de esgotar a súa vida útil.

Os expertos participantes na xornada explicaron que nos últimos anos se produciron importantes avances en aspectos relacionados co impacto medioambiental e a xestión de grandes volumes de información, co que se mellorou a resposta ás directrices políticas para a conservación dos ecosistemas mariños, pero incidiron en que os retos futuros requirirán dunha importante adaptación en asuntos como a formación e o emprego.

Entre os desafíos do sector tamén destaca o da inversión e o encontro organizado polo Cetmar en colaboración co European Marine Board (EMB), e co apoio do proxecto europeo Mates, cofinanciado a través do Programa Erasmus+ da Unión Europea, permitiu comprobar a aposta realizada polo sector galego da construción naval polo mercado deste tipo de embarcacións e a necesidade de reforzar a colaboración entre a industria, a ciencia e as administracións para avanzar neste eido.

De feito, o encontro contou coa presentación do documento A próxima xeración dos buques europeos de investigación: estado actual e evolución previsible, froito dunha colaboración entre EMB e a asociación de operadores europeos de buques de investigación (ERVO). Esta publicación presenta unha visión xeral da frota actual, das súas capacidades e equipos e da súa xestión ao tempo que mira cara ao futuro destacando o que será necesario para garantir que a frota europea poida seguir brindando o mesmo nivel de apoio á ciencia.

O documento tamén analiza a capacitación do persoal desta frota, a xestión da mesma e o papel dos buques de investigación no contexto máis amplo das observacións oceánicas e o Sistema Europeo de Observación do Océano (EOOS). Tamén explora fórmulas para lograr maior eficiencia a escala local, rexional e europea co obxectivo de garantir o mellor uso posible destas infraestruturas.

A xornada organizada polo ente dependente da Consellería do Mar contou coa asistencia de máis de 60 persoas entre profesionais da industria, das universidades e de distintos centros de investigación que participaron activamente nos debates sobre os retos aos que se enfronta o sector dos buques oceanográficos e a incidencia que terán no desenvolvemento da investigación no medio mariño.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

- Publicidade -


+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies