spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Deputación viste o Palacete de Mendoza con tecnoloxía de vangarda para...

A Deputación viste o Palacete de Mendoza con tecnoloxía de vangarda para ofrecer unha experiencia turística única

A Deputación viste o Palacete de Mendoza con tecnoloxía de vangarda para ofrecer unha experiencia turística únicaA sede de Turismo Rías Baixas convértese na “referencia de modernidade en todo o Estado” grazas a un investimento de 350.000 € do proxecto europeo Tourist Inside

Revista COUSAS DE nº14

Realidade virtual 360º con gafas estereoscópicas, hologramas, unha mesa interactiva, videowall a modo de “gran escaparate virtual da provincia”, tabletas con pantalla multitáctil, bucle magnético e impresora de braille son só algúns dos elementos tecnolóxicos que transformarán o Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, nun espazo de vangarda onde as e os turistas gozarán dunha “experiencia inmersiva única”. Un novo “espazo intelixente desde o punto de vista experiencial” e orientado tamén á plena inclusión de tódolos colectivos, como as persoas con dificultades visuais, auditivas ou con mobilidade reducida. Así o anunciou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na visita que realizou á sede principal da rede Turismo Rías Baixas.

A gran transformación tecnolóxica da sede central do organismo turístico provincial está enmarcada no proxecto Tourist Inside e financiada con fondos europeos, mediante os que a Deputación de Pontevedra, xunto con Red.es, ten previsto actuar nas 33 oficinas da rede Rías Baixas. Como remarcou Carmela Silva, todo elo co obxectivo deixar atrás o “turismo de folletos” e apostar por “experiencias” a través das posibilidades que abren as últimas tecnoloxías e os teléfonos móbiles. Un salto de calidade, explicou, para a promoción dos recursos e infraestruturas turísticas da provincia, a mellora da comunicación da imaxe de marca, a realización e promoción de estudos turísticos ou o desenvolvemento de proxectos que contribúan á creación de produto turístico. Os traballos na sede central pontevedresa, cun presuposto duns 350.000 euros, estarán rematados en menos de tres meses. Unha vez rematados, o Palacete das Mendoza converterase nun recurso turístico de visita obrigada para comezar a gozar do destino Pontevedra provincia e para coñecer o legado histórico do inmoble e as súas singulares habitantes orixinais, as irmás Mendoza.

A experiencia que vivirán as e os turistas que pasen polo Palacete estará distribuída en catro espazos. O primeiro consistirá nunha recreación do xardín do edificio mediante a implantación de elementos de mobiliario con espazo informativo a través de pantallas. Ademais, haberá unha sala inmersiva 270º que estará “tematizada” con láminas de vinilo, lámpada de época ou estores automáticos. O terceiro dos espazos será un espazo de realidade virtual 360º no que será posible somerxerse dixitalmente nun dos salóns das irmás Mendoza e no ambiente de finais do século XIX a través de gafas estereoscópicas de realidade virtual. Finalmente, contará cun espazo holográfico no que un equipo de holografía amosará ás irmás en distintos contextos da súa vida cotiá.

Grazas a este espectacular paquete de actuacións, a sede de Turismo Rías Baixas converterase na “referencia dunha oficina de turismo moderna, non só na provincia ou en Galicia, senón a nivel do Estado”. Carmela Silva mostrou o seu agradecemento ao Goberno central polos recursos destinados ao proxecto Tourist Inside “que son os que permiten facer esta transformación” para que o Palacete se converta nun “grande espazo dixital, innovador e moderno” ao que a xente non acudirá “só para recibir información, senón para gozar dos valores do noso destino e coñecer a historia destas dúas grandes mulleres”. “Así que si están chegando os fondos europeos”, afirmou.

A transformación do Palacete das Mendoza é a primeira que se realiza nas oficinas da Rede Turismo Rías Baixas, dado que a dixitalización irá chegando paulatinamente ao resto das oficinas, espalladas por toda a provincia. A presidenta da Deputación quixo aproveitar o acto para agradecer aos concellos que se adheriron á rede provincial “para crear unha imaxe única de turismo na provincia”, “un gran compromiso que nos permite dispor dunha rede que informa cos mesmos instrumentos, da mesma maneira, que aposta pola innovación e que ten ás e aos visitantes como centro das decisións”.

Accesibilidade

Carmela Silva tamén deu conta da mellora na accesibilidade física ao Palacete das Mendoza, garantindo así “un servizo de atención de calidade ás persoas con mobilidade reducida”. Para resolver o problema estase a instalar un elevador exterior ao carón das escaleiras. Ata o momento, a accesibilidade resolvíase cun itinerario a través da entrada lateral, pola que se chegaba ao soto para acceder ao ascensor.

O Palacete das Mendoza manterase aberto e operativo durante todo o tempo que dure a súa transformación, aínda que con algúns cambios na atención ao público. Desta maneira, instalouse un mostrador no soto, na actual Sala de Exposicións, e será necesario acceder a través do xardín, pois a porta principal estará pechada.

- Publicidade -spot_img