spot_img
InicioVigo e áreaVigoA Deputación súmase a celebración do Día do Libro cun acto en...

A Deputación súmase a celebración do Día do Libro cun acto en Vigo no que se presentará o terceiro volume elaborado polo alumnado da escola de Letras

A Sala Rosalía da sede provincial acollerá este evento o mércores 19 que contará coa actuación do trío Abril e no que tamén se presentará un vídeo coas autoras do volume “Ti non sabes o que é ser escritora” cunha lectura dos seus textos

Revista COUSAS DE Nº17

A Deputación adianta este ano a celebración do Día Internacional do Libro cun acto de homenaxe á escrita galega e á nova canteira de autoras e autores, que terá lugar o vindeiro mércores 19 de abril na sede provincial en Vigo. Deste xeito, a Sala Rosalía acollerá este evento a partir das 20 horas, no que a actividade central será a presentación da publicación Tes cinco minutos #3; o terceiro volume que sae das mans do alumnado da Escola de Letras que promoven a institución provincial e a Editorial Galaxia. O acto, no que estarán presentes a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o director da Escola, Francisco Castro, así como representantes do claustro e do alumnado, estará amenizado polo trío Abril e contará coa proxección dun vídeo no que algunhas das autoras do libro Ti non sabes o que é ser escritora, a publicación xurdida ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, lerán fragmentos dos seus textos. A celebración está aberta á cidadanía, aínda que é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es.

Tes cinco minutos #3 recolle unha escolma do traballo das escritoras e escritores que participaron na terceira edición da Escola de Letras e supón unha nova mostra do talento da canteira da literatura galega.  Neste volume de 115 páxinas participan con poemas e relatos curtos de diferente temática 34 autoras e autores, a maioría mulleres (25). Elas e eles son Silveria Álvarez Martínez, Elda Álvarez Rivera, Lara Boubeta Bamio, Carlos Camaño Rial, Diana Cidrás, Rosario Elena Comesaña Estevez, Uxía Conde Noguerol, Celestino Crespo Piñeiro, Celia Durán Abollo, Lucía Durán Paredes, Ana Fernández Agra, Raquel Fernández Fernández, Javier García García, Fernando González Graña, Miguel González Sardón Mencía Jorge Cabaleiro, Diana Lois, Yemina López Ozores, Marina Lorenzo Rial, Luís Losada Rodríguez, Xosé Lueiro, Elena Martínez Castro, Cristina Montes Calvelo, Luz Moscoso Palacios, Isa Pazos, Víctor Pérez Estévez, Pitusa Pinheiro, Alba Piñeiro Estévez, Rosa Piñeiro Fraga, Almudena Santamaría, María Josefa Soto González, Verónica Sousa Suarez, Pablo Vázquez e María José Villar Ferreiro. Unha representación do alumnado tamén participará no acto coa lectura dos seus textos.

O libro conta cun limiar escrito polo director da Escola, Francisco Castro co título “Tedes cinco minutos #3”, que segue a estela dos anteriores volumes ao facer referencia á frase pronunciada polas e polos docentes da Escola para que o alumnado soubese que ese era o tempo que tiñan para desenvolver unha proposta literaria.

Proxección de vídeos

No marco do acto de celebración impulsado pola Deputación tamén se proxectará un vídeo no que o claustro da actual edición da Escola e da do ano pasado lerán textos que lles marcaron na súa vida. Os e as docentes participantes nesta peza son Inma López Silva, Marta Dacosta, Esther Carrodeguas, Antonio García Teijeiro, Diego Giráldez, Elvira Ribeiro e Anna R. Figueiredo.

Tamén se presentará outro vídeo no que as autoras que participan no libro Ti non sabes o que é ser escritora, un dos proxectos resultantes do Manifesto de Soutomaior, len os seus textos. A citada obra, que foi editada o pasado mes de marzo, recolle textos inéditos de Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega acompañados das ilustracións de 10 creadoras ‘aliadas’ do Manifesto: Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel.

No evento actuará o trío Abril, de música tradicional con influencias indie e percusións ibéricas. O grupo está formado por Marina Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica. As distintas influencias musicais do trío vigués conflúen no seu repertorio, que inclúe melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados. Para iso utilizan guitarra flamenca, arranxos de fiddle con influencias americanas e europeas e mais percusións tradicionais ibéricas. Tamén empregan a voz coma acompañamento e harmonías das músicas modernas.

- Publicidade -spot_img