spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPontevedraA Deputación presenta na Culturgal "Cultura cos pés na terra" a súa...

A Deputación presenta na Culturgal “Cultura cos pés na terra” a súa ambiciosa programación cultural para 2023

A Deputación presenta na Culturgal "Cultura cos pés na terra" a súa ambiciosa programación cultural para 2023A Deputación de Pontevedra celebrará un 2023 de “Cultura cos pés na terra”. A institución escolleu este lema para a súa programación cultural do vindeiro ano, que foi presentada onte no marco da feira Culturgal pola presidenta Carmela Silva, xunto a deputada de Cultura, Victoria Alonso.

Revista COUSAS DE Nº15

“Cultura cos pés na terra” é unha firme aposta polo territorio e pola proximidade con programas e proxectos que intentan rachar estigmas e achegar a cultura a todas e todos, desde numerosas disciplinas e sempre en aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, como a sostibilidade, a accesibilidade e a inclusión, ademais da igualdade. O acto contou con dúas intervencións musicais e poéticas a cargo da poeta Silvia Penas e as músicas Alba Barreiro (arpa) e Jimena Andión (cello).

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, debullou as múltiples actividades levadas a cabo este ano, avanzou as de 2023, e asegurou que “somos un grande pobo cunha enorme cultura e podemos presumir da nosa terra, da nosa cultura, da nosa lingua, do noso talento e da nosa creatividade”. “Temos un firme compromiso coa cultura, asegurou, para nós é una prioridade, una posición política no mundo, a defensa dun modo de estar, dun modo de pensar, un modo de crear e de enfrontar os cambios para lograr una sociedade mellor e máis feliz”. “A cultura, dixo Carmela Silva, debe ser un grande paraugas onde todas e todos nos podamos acubillar. Non coñezo nada mellor para que as persoas sexan libres, con pensamento propio e felices”. A presidenta destacou o traballo polo cumprimento dos 17 ODS “que a Deputación si poderá cumprir en 2030”, e subliñou a igualdade “como prioridade absoluta tamén na cultura, amais da súa democratización. “Que todas e todos teñan acceso, que non sexa só para as elites ou grandes concellos. Ten que chegar á última parroquia, aos máis pequenos. Cando a cultura chega á xente os pobos transfórmanse e a sociedade é mellor”

A programación

A Deputación seguirá en 2023 a apoiar á música galega con programas como o “Musigal”, con numerosos concertos que chegan a todo o territorio. Salienta tamén o compromiso coa música de cámara, “un eido a miúdo concibido como elitista e accesible a un sector moi especializado que agora achegamos a todas e a todos”. Neste marco, a Deputación impulsará de novo “Música no Ar” para poñer en valor a música clásica, o patrimonio e novos públicos; así como a ópera contemporánea “Papagena”, de pequeno formato e feminista. Forte volve a ser a aposta polos “Rías Baixas Fest”, que espallan pola provincia a mellor música así como experiencias inesquecibles para os públicos. No audiovisual a Deputación impulsará aínda máis os “Rías Baixas Film Fest”, ou os patrocinios “Pontevedra Plató de Cinema” ás rodaxes na provincia. Os premios “Mulleres no Foco”, “os Oscar das mulleres de Galicia”, terán á súa terceira edición para premiar as mulleres cineastas da man de CIMA. Este ano tamén chegou “Cinema Mulleres” con cinema feminista galego e arxentino no Museo MARCO, ou a “Pontevedra Provincia Film Commission”, xa integrada na rede da Spain Film Commission. Ademais, comezou “Conecta LAB”, un laboratorio creativo cunha residencia na Illa de San Simón e financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación do Goberno de España.

A Deputación colabora man a man coas entidades culturais da provincia. Neste senso, o “Pontegal” ou as axudas ás actividades culturais e o apoio a festivais de música e artes escénicas permiten ao tecido asociativo construír patrimonio cultural. Ademais, as axudas ás escolas de música son fundamentais para garantir o acceso á formación cultural nunha provincia con talento creativo e canteira. A aposta pola danza e polo teatro volverá con “Tornar ás táboas” e “Bailando a terra”, con funcións de teatro profesional, grupos profesionais de danza e tamén escolas de baile. O patrimonio tamén xoga un papel fundamental na programación. “Tras as ameas” nos castelos de Soutomaior e Sobroso con maxia, circo, música, danza e teatro que atraen centos de familias. “Historias Cavadas” achegando ao público aos castros musealizados con visitas escenificadas e as “Rutas de Arquitectura”, en colaboración coa Academia Galega de Belas Artes.

En canto á escrita, a Deputación segue cada vez máis forte coa “Escola de letras” nada en 2022 coa Editorial Galaxia, unha experiencia que conseguiu ter presenza na Feira Internacional do Libro de Frankfurt. Cos “Roteiros Literarios” o público percorre recunchos da provincia escenarios de novela da man de escritoras e escritores. Amais, a Deputación avanzará con novos pasos do “Manifesto de Soutomaior” coas mulleres da escrita para rachar coa desigualdade no mundo literario. Na programación cultural tamén hai espazo para a arte contemporánea. A Deputación puxo en valor programas como “Depocrea”, o programa de residencias artísticas no Náutico de San Vicente moi achegado ao territorio. Tamén “Mulleres Extramuros”, a transformación da sede de Vigo nun espazo dinámico e expositivo coas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo e exposicións itinerantes ou ‘Cines de Pontevedra’, que se porá en circulación pola provincia en 2023.

As alianzas co sector cultural para mellorar a súa situación levaron a organizar este ano importantes eventos como as Xornadas de Xestión Cultural, o I Encontro Internacional de Mulleres na Escena (MEI 2022), con Clásicas e Modernas e coincidente co encontro da FEMP de políticas de Igualdade no que se anunciou que a deputación de Huelva organice a 2ª edición do encontro, ou o I Encontro Luso-Galaico de Festivais de Cinema, organizado coa asociación de festivais audiovisuais Proxecta. Ademais, a Deputación tamén apoia importantes entidades culturais como son o MARCO, a Fundación Laxeiro, o Museo do Pobo Galego, a asociación Ponte nas Ondas, a Fundación Penzol, a UNED, a Universidade de Vigo, a Academia Galega do Audiovisual coa organización dos Premios Mari Luz Morales ou Músicas ao Vivo con apoio aos Premios Martín Códax da Música, onde este ano o programa “Descúbreas” obtivo o premio ao mellor espazo de comunicación. No 2023 teremos unha nova edición de “Descúbreas” en colaboración con Regalamúsica para democratizar o acceso á formación cultural e á profesionalización das rapazas e mozas da provincia á industria musical.

A primicia de “Mulleres Extramuros”: en 2023 chegará a Rubiós en As Neves

A Deputación de Pontevedra presentou tamén na Culturgal, o  proxecto “Mulleres Extramuros”, de interacción, intervención, creación e convivencia de artistas plásticas no rural, que este ano se desenvolveu con enorme éxito en Cortegada (Silleda). Esta iniciativa rompedora e punteira en todo o Estado, que encheu de murais artísticos rúas, muros e vivendas de Cortegada, promove a arte contemporánea como ferramenta de cambio social cara á sostibilidade, a loita contra o despoboamento, a igualdade e a capacidade de escoita. O acto contou coa actuación musical do dúo de violín e acordeón Caamaño & Ameixeiras que, como dixo Carmela Silva “son a imaxe da esperanza, mulleres novas facendo musica e ocupando o centro da cultura”.

A presidenta, xunto á coordinadora do programa, Xoana Almar (Cestola na Cachola), fixo balance do proxecto acompañada do alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e recoñeceu que “aínda me dura a emoción. É un proxecto único que amamos e que naceu de tres ideas forza: que as mulleres foron, son e serán quen manteña o noso rural, que o rural ten un grande futuro pero hai que apostar por el con grandes proxectos  e que sempre houbo mulleres na cultura pero invisibilizadas”. “Esas tres ideas: rural, cultura con calidade vida e mulleres, resumiu, sustentan un proxecto que amais provoca felicidade. A presidenta enxalzou “a convivencia que tiveron as artistas e veciñas e veciños de Cortegada” e cualificou o proxecto de “pioneiro e moi democrático”, polo proceso de participación que se fixo coa xente do pobo desde o seu inicio ao seu remate.

Xoana Almar, coordinadora do proxecto, subliñou que “foi unha experiencia moi enriquecedora para as artistas”. Valoraron moito os tempos que se daban para traballar, como se quería coidar o contacto coa xente de Cortegada e tamén como se favoreceu a convivencia. “Notabas a ilusión da veciñanza, como cederon enseguida as súas paredes e todas querían que se elixiran as súas”

Pola súa banda o alcalde Manuel Cuiña sinalou que “para Silleda foi toda unha honra e un orgullo ser o primeiro municipio que acolleu esta iniciativa que mestura arte, a posta en valor do noso rural e das mulleres”. “A parroquia de Cortegada, dixo o alcalde, ten con este proxecto un aliciente máis que axuda tamén a atraer público, como xa se está a producir, ao noso municipio, para contemplar as creacións de artistas galegas e internacionais de primeiro nivel”. “É todo un fito poñer a unha parroquia de Silleda á altura de grandes cidades no ámbito do muralismo, e por iso quero agradecer en nome de toda a veciñanza á Deputación de Pontevedra que iniciara en Silleda este programa, que estou seguro continuará con éxito”

Carmela Silva tamén desvelou en primicia que, tomando a remuda de Cortegada, será o Concello das Neves e concretamente a parroquia de Rubiós, quen acolla en 2023 a segunda edición de “Mulleres Extramuros”, “un concello marabilloso con paraxes extraordinarios, de xente rexa e forte, moi activa, e farémolo no núcleo de Rubiós onde se fai moita cultura”. Xunto á presidenta interveu un feliz alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, que apuntou que trátase dun “enorme pracer, dunha grande oportunidade, que non só pon a arte ao alcance do territorio rural no que vivimos senón que nos dá unha singularidade cara ao exterior, supoñendo un punto de atracción para os nosos e nosas visitantes, de xeito que a xente que é de fóra das Neves mire para aquí”. Por iso, asegurou, “dixemos  inmediatamente que si a esta proposta da Deputación, e formulamos e defendemos un programa ambicioso que rebase os límites das Neves”. “non se me ocorre mellor lugar de Rubiós, rematou, o lugar onde naceu José Gil, un dos precursores do cinema en galego, e onde as mulleres son as que maioritariamente participan”.

- Publicidade -spot_img