Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra organiza tres rutas guiadas a xacementos no marco...

A Deputación de Pontevedra organiza tres rutas guiadas a xacementos no marco da exposición ‘Galaicos’

Os Castros, escepcionais miradoiros en paisaxes de lenda
Castro de Santa Trega

As visitas realizaranse nos meses de decembro e xaneiro nos xacementos de Castro Landín, A Lanzada, O Facho, a vila romana de Toralla e o Castro do Trega

A mostra “Galaicos”, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, non só se limitará ó espazo do Museo Provincial, posto que a institución, presidida por Carmela Silva, deu hoxe a coñecer os detalles das actividades complementarias ó abeiro da exposición, entre as que destaca a realización de tres rutas guiadas a xacementos e lugares de interese situados na provincia.

Así, a primeira destas rutas terá lugar o sábado 14 de decembro e percorrerá o castro de Castrolandín, no concello de Cuntis, a Fundación Terra Termarum Castrolandín e o xacemento da Lanzada. Un dos comisarios da exposición “Galaicos”, Rafa Rodríguez, será o encargado de guiar ós participantes a través da historia e das pedras.

Os Castros, escepcionais miradoiros en paisaxes de lenda
Castrolandin – Cuntis

Pola súa banda, o sábado 21 de decembro outro grupo coñecerá o xacemento do Facho, en Cangas, e posteriormente visitará á Vila Romana de Toralla, no concello de Vigo, da man do arqueólogo José Suárez. Finalmente, o sábado 11 de xaneiro, o historiador e arqueólogo Diego Piay acompañará ós participantes da terceira ruta polo Castro de Santa Trega, pertencente ó concello da Guarda, e pola adega Terras Gauda, situada na zona do Rosal.

Para a realización destas visitas guiadas a través da historia e a arqueoloxía pontevedresas e galegas, os grupos serán reducidos, contando cun máximo de 30 persoas. Deste xeito, o prazo de inscrición abrirase o luns 9 de decembro e a matrícula poderá facerse mediante métodos informáticos na web de Turismo Rías Baixas (visitasguiadas@depo.es). Amais, admitiranse ata catro persoas inscritas por email.

Por outra banda, comezan as accións programadas para dar a coñecer o pasado galaico da provincia. O  contacontos infantil, que leva por nome “Contos a pedir de boca”, será ás 12.00 horas deste sábado 16 de novembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e a ela poderán acudir os nenos de máis de tres anos acompañados por unha persoa adulta. Con todo, o evento será de balde ata completar aforo. “O conto está protagonizado por un comerciante do Mediterráneo que dará a coñecer ás nenas e ós nenos algunhas manifestacións do noso pasado galaico: como vivían, como eran as súas vivendas ou en que consistía a súa alimentación”, explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Ademais, este próximo martes 19 de novembro ás 19.00 horas terá lugar a mesa redonda “Somos o que comemos. Que nos queda da dieta dos galaicos na actualidade?”. Tamén ubicada no Sexto Edificio do Museo, a entrada a esta charla será libre. Os investigadores Eduardo González e Carlos Fernández, da Universidade de León, e as investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela Olalla López e Lourdes López serán moderados polo arqueólogo Ángel Concheiro. Deste modo, Silva destacou a paridade dos relatores do evento: “Temos que facer un esforzo para que nas mesas haxa expertas e expertos porque realmente hai moitas mulleres moi formadas que poden falar de calquera cousa”.

Chega ao Museo de Pontevedra a mostra 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos'

A exposición “Galaicos” abrangue a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI. O seu obxectivo é amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, a través de máis de 60 obxectos arqueolóxicos, algúns orixinais e outros réplicas, así e información sobre algúns dos xacementos da provincia, entre eles os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, Monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo ou Adro Vello. As fotografías e vídeos que se amosan permiten coñecer estes xacementos e valorar a paisaxe arqueolóxica da provincia para amosar os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de tempo de máis de 2000 anos da historia de Galicia. “Galaicos” chegou ao Museo de Pontevedra o pasado 4 de outubro despois de recibir máis de 32.000 visitas no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e o Museo da Prehistoria de Valencia.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies