Inicio Pontevedra A Deputación de Pontevedra leva a FITUR a inigualable natureza da provincia...

A Deputación de Pontevedra leva a FITUR a inigualable natureza da provincia coa campaña “Sigue o teu instinto”

A Deputación de Pontevedra leva a FITUR a inigualable natureza da provincia coa campaña Sigue o teu instintoCarmela Silva promete que a presentación en Madrid  “non deixará a ninguén indiferente porque apela ás emocións máis profundas que falan da provincia dun xeito que ninguén antes fixo”

“O esplendor da natureza” da provincia de Pontevedra será neste 2020 protagonista de “Sigue o teu instinto”, a campaña de promoción turística das Rías Baixas que se presentará o xoves 23 de xaneiro ás 12.30 horas na feira FITUR de Madrid nun acto no que “non imos deixar a ninguén indiferente”, tal e como afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Celia Freijeiro será a condutora do acto da Deputación e a protagonista dun audiovisual “que mostra as emocións dunha natureza salvaxe que esta provincia leva no seu ADN”

Silva anunciou que a coñecida actriz Celia Freijeiro será a condutora do evento, amais de ser a protagonista dun audiovisual “espectacular, que apela directamente ás emocións, que suporá un antes e un despois na presentación da paisaxe e da natureza de todas as comarcas da provincia”. Amais de Freijeiro, a “delegación” turística da Deputación contará con “embaixadoras e embaixadores potentísimos”, e con “incribles materiais de promoción con moita capacidade para emocionar, que falan da provincia dun xeito que ninguén antes fixo”.

De feito, xunto a “Sigue o teu instinto” tamén se vai empregar o hashtag “Detente e mira”, para facer fincapé na necesidade de “escoitar o que nos pide o corpo, deternos, e deixarnos levar para conectar co noso lado máis humano, co natural, coas raíces”. O vídeo “de carácter intimista e moi de pel” estará baseado nas emocións, contando historiais en escenarios de todas as comarcas da provincia de Pontevedra e representando os 365 días do ano, “porque cremos na desestacionalización”. Tamén explicou que no vídeo se verán cuestións relacionadas co turismo de benestar, o respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional e o turismo activo e de aventura con deportes relacionadas coa natureza. Neste último caso, haberá unha peza audiovisual na que deportistas de elite da provincia como Desiré Vilas, Pablo Dapena, Rodrigo Conde, Susana Alonso e Roi, Uxía e Iria Huertas, “farán a súa propia reflexión sobre a natureza desde paisaxes espectaculares”.

A Deputación de Pontevedra leva a FITUR a inigualable natureza da provincia coa campaña Sigue o teu instintoA selección da natureza, a sustentabilidade e medio ambiente, responde a un dobre motivo  tal e como explicou Silva. “Seguimos a pechar o círculo que iniciamos en Fitur promovendo produtos ao abeiro das directrices do Plan Estratéxico. Deste xeito comezamos coa cultura, con “Somos historias”, continuamos coa gastronomía, con “Fame de experiencias” e, neste 2020, escollemos natureza e “Sigue o teu instinto”. Ademais, con este eixo temático “estamos a amosar o compromiso da Deputación coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”. “Temos unha natureza e paisaxes espectaculares, onde non soamente se pode desfrutar de xeito pasivo senón tamén de forma activa, realizando actividades relacionadas co turismo activo e rural, co turismo de aventura, cos deportes e tamén co turismo de benestar e termalismo”, asegurou Carmela Silva.  Por iso este ano o lema escollido é “Sigue o teu instinto”, no que se pon de manifesto “que somos parte da natureza, que ás veces temos que acudir a un lugar que nos permita recordalo e ese lugar é a provincia de Pontevedra”.

No evento, que será retransmitido por streaming a través da web e redes sociais da Deputación,  tamén aparecerá un terceiro audiovisual no que se dará conta do proceso de elaboración do agasallo “marabilloso” que se vai entregar en Fitur. Ao respecto, Silva asegurou que “imos espallar natureza en estado puro en Madrid. Imos repartir mar e montaña nun regalo que a ninguén lle vai pasar desapercibido. Un regalo no que o patrimonio inmaterial do saber popular relacionado coa natureza dará moito de que falar”. Tamén detallou a presidenta que o agasallo foi feito en colaboración cunha empresa sostible e con persoas con diversidade funcional e que “as 500 unidades elaboradas en edición limitada terán un valor moi especial xa que van formar parte dunha obra de arte efémera e colectiva”.

Axenda en Madrid

A presidenta informou que amais da presenza en Fitur, manterase unha completa axenda de traballo en Madrid. O mesmo día da presentación, o xoves 23 de xaneiro ás 20.30 horas na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, a Deputación estará presente na Gala Q de Calidade para recoller as renovacións dos distintivos Q para a Oficina de Turismo Rías Baixas, o punto de información turística do Mosteiro de Armenteira, o punto de información turística do Aeroporto de Vigo, a oficina de Caldas de Reis, a de Cangas, a oficina de Turismo de Baiona e o punto de información turística da Illa de Arousa. Ao respecto, a presidenta amosou a súa satisfacción porque “acadamos unha puntuación de 94 sobre 100 e chegamos á máxima puntuación en canto a revisión do sistema de calidade, prestación do servizo de atención ao turista, recursos humanos e infraestruturas e en instalacións e equipamento”.

Xunto a este acontecemento, A Deputación tamén estará presente nas presentacións de destinos da provincia de Pontevedra e manterá reunións con turoperadores, empresas TIC  aplicadas ao turismo, empresas de comunicación, co ICTE, co Instituto de Turismo Responsable así como coa organización do Congreso Europeo de Turismo Rural. Ademais as técnicas de Turismo Rías Baixas acudirán a foros e obradoiros no marco de FITUR relacionados co big data, calidade, destinos turísticos intelixentes ou ODS.

Tamén, o día previo á presentación, o 22 de xaneiro ás 19.30 na librería “La Buena vida” de Madrid presentarase o libro de Diego Piay “María Vinyals. La mujer del porvernir. Siete vidas bajo la sombra de un castillo”. “Queremos facelo –asegurou Silva- porque María Vinyals tivo unha estreita relación con Madrid, onde viviu e desenvolveu un papel moi importante como pintora, escritora, conferenciante e en asociacións de diversa índole como o Ateneo”.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies