spot_img
InicioPontevedra e ÁreaA Deputación celebra o Día Mundial da Poesía en Caldas cun recital...

A Deputación celebra o Día Mundial da Poesía en Caldas cun recital e coa inauguración da mostra “Lebres como gacelas”

A Deputación celebra o Día Mundial da Poesía en Caldas cun recital e coa inauguración da mostra Lebres como gacelasAs autoras Lorena Conde e Antía Otero protagonizaron a lectura dos seus poemas acompañadas da música de piano e guitarra de Yamini Teresa Prabhu Barreto e Mónica Fernández Loureiro

A Deputación de Pontevedra sumouse este 21 de marzo ás celebracións do Día Mundial da Poesía desde o Auditorio de Caldas de Reis, cun emotivo recital e coa inauguración da exposición “Lebres como Gacelas”, que rende homenaxe a autora Xela Arias coa fusión de poesía e fotografía da man de 7 autoras referentes da escrita galega e 2 artistas. Precisamente, dúas das poetas cuxa obra está presente  na mostra, Antía Otero e Lorena Conde, protagonizaron o recital coa lectura dos seus poemas, acompañadas ao piano e á guitarra polas docentes da Escola de Música de Caldas Yamini Teresa Prabhu Barretto e Mónica Fernández Loureiro. A presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Caldas Juan Manuel Rey, remarcou nesta xornada a importancia de seguir a reivindicar o talento feminino na cultura: “Vivimos unha revolución cultural en Galicia con nome de muller e esta mostra é un claro exemplo deste excepcional momento”.

A exposición provincial, que suma poesía e fotografía, ten carácter itinerante e tras pasar por Caldas, recalará tamén en Tui, Silleda, Poio e Cambados

“As mulleres temos aínda moito por reivindicar –sinalou Carmela Silva- para ocupar o espazo que nos corresponde, que é a metade de todo, en todos os eidos. E no da cultura, e de xeito particular na literatura, a muller ten sido historicamente invisibilizada. Xela Arias foi unha muller única, empoderada e rebelde, que pretendía rachar co que non lle gustaba. A súa figura é un referente para todas as mulleres da escrita galega, exemplificada hoxe con este grupo de poetas que coa súa arte moven conciencias e axúdannos a que as novas xeracións teñan unha estela que seguir”.

A Deputación celebra o Día Mundial da Poesía en Caldas cun recital e coa inauguración da mostra Lebres como gacelas

A mostra presenta 21 poemas (3 por autora) de Antía Otero, Lorena Conde, Tamara Andrés, Alba Cid, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns e Olga Novo, que crearon un diálogo ex profeso para as 21 fotografías de Eva Díez e Fran Herbello, artistas con estilos diferenciados, que retratan o corpo e o contorno cunha ollada poética fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras presentadas na mostra, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes. A exposición estará aberta ao público no Auditorio os martes, mércores, xoves e domingos, de 17 a 19 horas.

Coa súa exhibición en Caldas, onde permanecerá ata o 24 de abril, “Lebres como Gacelas” inicia a súa itinerancia pola provincia e deste xeito estará neste 2022 en Tui, Silleda, Poio e Cambados. A exposición, ideada no marco da programación de homenaxe á Xela Arias con motivo da celebración das Letras Galegas 2021, toma como inspiración a obra da autora Tigres coma cabalos (1990), na que cada poema da escritora se confrontaba cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil. Deste xeito, Lebres como Gacelas é un proxecto multidisciplinar que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía. O título da mostra establece unha analoxía co da obra de Arias, pero escolle dous nomes de animais en feminino cunha clara declaración de intencións, reforzada ademais pola asociación simbólica que estes teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

- Publicidade -spot_img