spot_img
InicioPontevedra e ÁreaDeza e Tabeirós - Terra de MontesA Deputación anima a acudir á edición "máis potente" da Rapa das...

A Deputación anima a acudir á edición “máis potente” da Rapa das Bestas para vivir unha tradición que atrae medios de todo o mundo

A Deputación anima a acudir á edición "máis potente" da Rapa das Bestas para vivir unha tradición que atrae medios de todo o mundoCarmela Silva: “A xente está desexando ir a Sabucedo e ten moita máis conciencia da importancia destas festas que falan de recuperar a relación coa natureza, os sorrisos, os abrazos, as comidas xuntas e xuntos e a música”

Revista COUSAS DE Nº13

A Rapa das Bestas 2022 será “a edición máis potente desta festa internacional”. Así o manifestou esta mañá a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación deste acontecemento coñecido en todo o mundo, que terá lugar este ano desde o 30 de xuño ao 4 de xullo. “A xente está desexando ir a Sabucedo e ten moita máis conciencia da importancia destas festas que falan das nosas tradicións, de recuperar a nosa relación humana coa natureza, dos sorrisos, os abrazos, as comidas xuntas e xuntos, a música, o baile e as exposicións”, salientou a responsable provincial na presentación da festa celebrada no Pazo Provincial, na que estivo acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, do tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, e Silvia Magariños, Manuel Cabada e Iván Sanmartín, representantes da Asociación da Rapa das Bestas.

A presidenta fixo un recoñecemento ao traballo da asociación. “Non existiría esta tradición milenaria que nos identifica, nin teríamos un rural con vida, sen o enorme esforzo que fan coa vontade de manter esta festa tan fermosa que é nosa e de toda Europa”, remarcou. Ademais, Carmela Silva resaltou a orixinalidade da camiseta da Rapa deseñada pola firma Rei Zentolo e animou a todos e todas as visitantes a adquirila. “Que todo o mundo a merque. Deste xeito apoiamos á asociación e presumimos da xente de aquí, dunha empresa galega, creativa e con moito talento”, destacou. Ademais a presidenta cualificou o vídeo proxectado na presentación e elaborado por unha produtora americana sobre a festa de “extraordinario, porque chega ás emocións e fala do importante: do medio ambiente, das persoas, do coidado, o rural, os montes, o respecto aos animais e a nosa historia”.

Carmela Silva mostrouse convencida do éxito desta edición da Rapa, un acontecemento declarado Festa de Interese Turístico Internacional, e reafirmou o apoio da Administración provincial con esta tradición. “As Administracións debemos ter un compromiso cada vez maior”, expuxo, para lembrar que unha das accións do Plan de Sostibilidade da institución para as comarcas de Deza e Tabeirós – Terra de Montes está centrada na Rapa.

Ademais, a responsable provincial reivindicou a necesidade de que todas as galegas e galegos apoien a festa. “Que vaian a Sabucedo, consuman, compren entradas, merchandising… porque estaremos apoiando unha festa que o merece”, anotou, para dar finalmente as grazas á asociación e aos veciños e veciñas da aldea. “Estou orgullosa de xente tan comprometida coas tradicións e a historia da provincia”, agregou.

Medio centenar de medios de todo o mundo

O tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla, salientou que “a Rapa suscita interese en todo o mundo” e explicou que este ano están acreditados máis de medio centenar de medios de comunicación de países como Corea do Sur, China, Alemaña, Estados Unidos, Portugal ou República Checa. O programa “Volando Voy”, de Jesús Calleja, estará tamén presente nesta edición para rodar durante a Rapa. “É unha cita obrigada, unha festividade singular e importantísima, e este ano dobremente porque volvemos con todo o esplendor”, explicou o edil, quen salientou a necesidade de poñer en valor o cabalo galego co apoio das Administracións e animou a todo o mundo a “achegarse a Sabucedo xa o venres 1 de xullo e desfrutar dos cabalos, os curros, a comida e a natureza”.

Manuel Cabada, en representación da Rapa das Bestas, sinalou que os veciños e veciñas de Sabucedo reafirman na festa “o compromiso coa tradición que herdamos dos nosos antergos e que temos a obriga de transmitir aos nosos fillos/as e netos/as”. Ademais, resaltou que o colectivo “ten un compromiso coas bestas, con este animal tan nobre e fermoso que vive ceibe 362 días ao ano, que é o máis grande que habita en estado salvaxe no occidente de Europa, e que está en perigo de extinción”. Cabada solicitou o apoio das Administracións para protexelo: “É necesario para a comunidade”.

Revista COUSAS DE Nº13

A asociación manifestou tamén o seu “compromiso co país, pois a Rapa é unha das iconas máis potentes de Galicia”. Lembrou ao respecto que “poden verse fotografías da Rapa en todo o planeta, moitas delas premiadas nos mellores certames e  publicadas nas mellores revistas especializadas en natureza e turismo ”.

Saída ao monte, curros e festa rachada

Finalmente o representante da asociación expresou o “compromiso cos milleiros de persoas visitantes” e detallou o programa. A festa dará comezo o xoves 30 de xuño coa Gala de aloitadores, que recoñece a todos os homes e mulleres que axudan a organizar e difundir a Rapa. O venres 1 de xullo sairase pola mañá ao monte a buscar as bestas en grupos e en familia. Trala xornada na natureza ás 22.30 comeza o festival RapaSons. O sábado báixanse as bestas á aldea e as 19 horas celébrase o primeiro curro para cortarlle as crins e sanealas. “Despois haberá festa rachada no Campo do Medio”, adiantou Cabada.

O segundo curro terá lugar o domingo ás 12.00 horas, seguido da festa na aldea, e o luns á mesma hora celebrarase o terceiro, á mesma hora e este con carácter solidario. “Todo o que se ingrese na Rapa vai sempre destinado ao benestar dos animais”, engadiu o representante da asociación.

- Publicidade -spot_img