Inicio Pontevedra A botadura do primeiro drone mariño desenvolvido integramente en España tivo lugar...

A botadura do primeiro drone mariño desenvolvido integramente en España tivo lugar este xoves en Bouzas

a-botadura-do-primeiro-drone-marino-desenvolvido-integramente-en-espana-tivo-lugar-este-xoves-en-bouzas

A ría de Vigo, banco de probas  barco autónomo robotizado máis grande de Europa. A tecnoloxía deste prototipo é froito do traballo de Industrias Ferri, Universidade de Vigo e Cimne.

Con 12 metros de eslora, catro toneladas de peso, dous motores de 300 cabalos e unha tecnoloxía punteira, o primeiro barco autónomo robotizado creado en España comeza a partir deste xoves a súa fase de probas na ría de Vigo. Hoxe tivo lugar a botadura da lancha semirríxida Victoria, prototipo do proxecto Ulises, no que están implicados Industrias Ferri, o Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA) da Universidade de Vigo e o Centro Internacional de Métodos Numéricos en Ingeniería (Cimne). O obxectivo desta iniciativa, financiada polo Ministerio de Economía e Competitividade dentro do Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Orientada aos Retos da Sociedade, é deseñar e testar a tecnoloxía necesaria para converter calquera embarcación nun barco autónomo robotizado, que poida navegar sen necesidade de tripulación. A embarcación, que é a máis grande deste tipo fabricada en Europa, servirá para probar estas innovacións e corrixir e mellorar os sistemas. O proxecto conta cun orzamento global de 1.581.000 euros e arrancou en 2014 con previsión de que remate en 2017.

a-botadura-do-primeiro-drone-marino-desenvolvido-integramente-en-espana-tivo-lugar-este-xoves-en-bouzas

Ao acto de botadura, que tivo lugar en Bouzas, asistiron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o reitor da Universidade, Salustiano Mato; o director xeral de Industrias Ferri, Patricio Fernández e a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa. Conde destacou que a fabricación do primeiro vehículo mariño non tripulado en España é un exemplo que demostra que o tecido industrial galego conta co “talento e a tecnoloxía” necesaria para diversificar a súa produción e buscar novos mercados, cun sector naval que é máis competitivo na medida en que aposta pola innovación. Indicou tamén en que o desenvolvemento destas novas tecnoloxías por parte de Ferri, Universidade e Cimne reforza a posición de Vigo como referente no eido tecnolóxico, demostrando o “saber facer” das empresas galegas e dos centros de coñecemento, e contribuíndo a facer “marca Galicia”.

Patricio Fernández, director xeral de Industrias Ferri, incidía na súa intervención en que esta embarcación autónoma é “segura para si mesma e para todos os usuarios da súa contorna”, e tamén ofrece a posibilidade de que un operario tome o control remotamente, co que ofrece “aplicacións case ilimitadas”, dende salvamento, a vixilancia, medicións cartográficas, transporte ou loita contra o terrorismo. O reitor da Universidade, Salustiano Mato, subliñou a importancia da transferencia dos centros de investigación á contorna, xa que “os nosos coñecementos crecen coa cooperación, e o coñecemento é a principal baza para ser competitivos e crear un futuro empresarial sostible”. Neste sentido, a delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca remarcou que esta botadura “pon de manifesto que en Vigo hai alicientes para poñer en marcha o centro de innovación do mar; temos investigadores, espazos, talento e empresas fortes, e a obriga dende as administracións é que se sigan creando proxectos coma este.

Pola súa banda, o coordinador de Ulises, Enrique Pérez, explicou que, con este proxecto, Industrias Ferri quere “dar un paso adiante” no que cree que “será o futuro do naval”, motivo polo que a empresa decidiu apostar por este sistema. O enxeñeiro avanzou tamén que a compañía mantén contactos con empresas nacionais e estranxeiras interesadas no sistema.

Unha tecnoloxía adaptable a calquera tipo de embarcación

Neste proxecto Industrias Ferri encárgase da integración completa do barco, Cimne da estación de terra e a Universidade de Vigo, a través do grupo DASA dirixido polo profesor Fernando Vázquez, da robótica, control e intelixencia artificial. Nesta ocasión Imatia tamén participa no proxecto subcontratada por Ferri para desenvolver o software de rexistro de datos da embarcación. A idea dos investigadores é que a tecnoloxía que se testa neste barco piloto se poida integrar en calquera embarcación, sexa un petroleiro ou unha lancha de salvamento, sen necesidade de construír unha ad hoc. Neste sentido, dende Industrias Ferri, que coordina o proxecto, inciden en que a empresa non se convertería nun estaleiro, senón que lle proporcionaría a calquera cliente a posibilidade de robotizar un barco. “Aplicaríamos a tecnoloxía que deseñamos, sería necesario sensorizalo e instalar un equipo a bordo, realizando unha tarefa de integración”. Esta é unha das principais vantaxes deste proxecto que está enfocado a tarefas de vixilancia, por exemplo, en campos petrolíferos, campos eólicos offshore ou para prevención de furtivismo, inmigración ilegal, etc.

Características técnicas

Ricardo Samaniego, investigador do grupo DASA, explica que o barco autónomo conta cun láser en 3D similar ao que emprega o coche de Google para recoñecer a contorna e evitar obstáculos e está integrado con cartas náuticas para ter o perfil das costa, rochas, baixíos, zonas de navegación prohibida, etc. Con toda esta tecnoloxía desenvolveron un sistema de posicionamento máis moderno que se une ao resto do equipamento como un sistema de cálculo de rutas; un sistema de seguimento; un de navegación reactiva que permite reaccionar ante obstáculos inesperados como un barco en ruta ou unha batea, etc.

O máis avanzado e innovador deste barco é, por unha banda, o sistema de cálculo de rutas e, por outra o sistema de navegación que cumpre o RIPA, regulamento internacional de prevención de abordaxes. “Trátase de algo semellante ás normas de tráfico nas estrada e regulan os adiantamentos, preferencias, os cedas, etc. e isto é o máis complicado de “ensinarlle” a un robot, son conceptos complexos porque as normas están pensadas para que as siga un ser humano”. Os investigadores explican que, aínda que existen outros prototipos de drones mariños, sobre todo deseñados dende o sector militar, as características que reúne este barco autónomo galego convérteno en único, xa que é 100% autónomo, con capacidade para navegar e seguir a normativa internacional sen ser controlado dende terra.

Fuente// Universidade de Vigo

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies