O Concello de Pazos de Borbén ven de rematar os traballos de instalación de doce novos ordenadores na biblioteca municipal.
A actuación ten o obxectivo de modernizar as instalacións e ampliar o punto de acceso a internet por parte da cidadanía ademais de mellorar o desenvolvemento das actividades que organiza o centro.
Os novos equipos están completamente equipados con todos os dispositivos necesarios para que os veciños poidan realizar trámites oficiais neles, como os teclados con lector de DNI electrónico, ou utilizalos para realizar videoconferencias grazas á webcam e aos cascos e micrófono inalámbricos.
A edil responsable da Biblioteca, Dolores Santoro, destacou que estes equipos destinaranse á atención de asociacións locais, como Aspavi, e ás propias actividades da biblioteca. “E, por suposto, tamén estarán abertos a todos os veciños que os precisen”, rematou a edil.
Os novos equipos informáticos tiveron un custo de 12.009,44 euros que o Concello de Pazos de Borbén financiou grazas á colaboración da Xunta de Galicia.



