spot_img
InicioAlto MinhoA AECT da Eurorrexión organiza unha primeira reunión para avaliar a situación...

A AECT da Eurorrexión organiza unha primeira reunión para avaliar a situación da cooperación ante a reapertura da fronteira con Portugal

A AECT da Eurorrexión organiza unha primeira reunión para avaliar a situación da cooperación ante a reapertura da fronteira con PortugalPrimeira reunión para avaliar a situación creada polo peche durante tres meses da fronteira de Portugal e deseñar un Plan de reactivación que permita facer fronte a esta circunstancia

Os plans de recuperación posCOVID19 deben ter unha liña de apoio específica para os concellos limítrofes coa fronteira Portugal-España, xa que neles dáse un dobre impacto negativo: ao derivado da COVID19, como no resto do territorio, súmase a penalización provocada pola restauración das fronteiras.

Esta é a principal conclusión da xornada de traballo mantida hoxe en Tomiño para analizar medidas de recuperación e impulso á cooperación transfronteiriza tras a crise da COVID 19, coa participación do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, o director e a subdirectora da AECT da Eurorrexión, Xosé Lago e Graça Fonseca respectivamente, o director da AECT do Minho, Uxío Benítez, o seu Vicedirector, Fernando Nogueira, que tamén é alcalde de Vila Nova da Cerveira, así como Sandra González, alcaldesa de Tomiño.

Segundo indicou Jesús Gamallo, a reunión centrouse en sentar as bases dun “Plan de Impulso á cooperación de proximidade na fronteira Galicia-Norte de Portugal”, un documento que recolle un abano de propostas cun dobre obxectivo. Por unha banda, que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal consiga facer fronte aos retos derivados da pandemia, nomeadamente aqueles derivados do parón da actividade económica e do peche da fronteira, analizando as posibles fontes de financiamento europeo e estatal para acabar este obxectivo, e, por outra banda, que cheguemos a estar preparados, nun futuro hipotético, ante unha situación similar, e evitemos outro peche de fronteiras, de repercusións sociais e económicas tan negativas.

Pola súa banda os responsables dos concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira enfatizaron a necesidade de que as autoridades españolas e portuguesas acorden esa liña específica de apoio aos territorios de fronteira na próxima cimeira hispano-lusa.

Neste sentido, tanto Sandra González como Fernando Nogueira lembraron a importancia de recoñecer a singularidade da realidade educativa, socioeconómica, cultural e comercial das Eurocidades, tras “o esforzo realizado nos últimos anos para non duplicar servizos, atendendo a criterios de eficiencia e aos principios promovidos desde a Unión Europea”, o que se víu gravemente comprometido por un peche de fronteiras que ignorou estas situacións particulares.

Desde a AECT Rio Minho, que engloba os 26 concellos do territorio de fronteira galego portugués do Alto e Baixo Miño, con máis de 370.000 habitantes, Uxío Benitez propuxo “considerar os obxectivos e prioridades da Estratexia 2030 do Río Miño Transfronteirizo como base para o impulso dun Investimento Territorial Integrado (ITI)”, un instrumento de financiación específico para o territorio fronteirizo, financiado con fondos europeos e de ambos estados, para ser xerido polas entidades locais de cooperación territorial e, en particular, pola AECT Río Minho, en colaboración coas Eurocidades e autoridades da Eurorrexión. “As Eurocidades e a AECT Rio Minho amosaron a súa capacidade para detectar os problemas que sofren os veciños e veciñas do territorio fronteirizo e son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia”, subliñou Benítez.

Entre as iniciativas dirixidas a evitar no futuro os prexuízos do peche de fronteiras, destacou a proposta  da AECT Rio Minho da creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza que poida contribuír á simplificación de trámites e facilitar a mobilidade para os habitantes do territorio.

Finalmente, os responsábeis da Eurocidade Cerveira-Tomiño e os directivos da AECT destacaron a importancia do territorio transfronteirizo do Río Miño como evidencia da vitalidade tanto das relacións entre Galicia e Portugal como da vontade de asentar unha cooperación estratéxica entre os habitantes e institucións eurorrexionais.

As Eurocidades e a cooperación de proximidade

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal impulsa a cooperación de proximidade, que é aquela que trata de reforzar aquelas políticas e instrumentos de cooperación que teñen por obxectivo mellorar as condicións e a calidade de vida dos cidadáns das zonas de fronteira. Esta actividade promóvese tamén a través de institucións novas como son as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) e as Eurocidades.

A principal razón de existencia das Eurocidades é a de compartir infraestruturas dos seus servizos co conseguinte aforro de custos. Existen catro Eurocidades na raia xa totalmente integradas na Comunidade de Traballo: son as Eurocidades de Cerveira-Tomiño, Salvaterra-Monção, Tui-Valença e Chaves-Verin. Todas elas, co apoio activo da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia- Norte de Portugal (GNP-AECT), atoparon o financiamento adecuado e necesario para desenvolver gran cantidade de actividades de índole económica, cultural e deportiva, que reforzaron e consolidaron a cooperación transfronteiriza.

En xeral todos os actores da Cooperación Transfronteiriza traballan na mellora da capacidade institucional mediante a cooperación conxunta, co obxectivo de fomentar a colaboración e a actividade económica e conseguir mellorar a calidade de vida dos cidadáns do territorio. Neste senso, búscase unha xestión máis eficiente da Administración Pública Local, evitando duplicidades innecesarias, compartindo recursos e solucións a problemas comúns, fomentando un uso compartido dos equipamentos públicos fronteirizos e valorizando as fortalezas e as complementariedades dos pobos e cidades da Eurorrexión.

- Publicidade -spot_img