spot_img
InicioGaliciaA Xunta rehabilitará o Mosteiro de Oseira para incorporalo á rede de...

A Xunta rehabilitará o Mosteiro de Oseira para incorporalo á rede de albergues públicos na Vía da Prata

A Xunta rehabilitará o Mosteiro de Oseira para incorporalo á rede de albergues públicos na Vía da PrataO Goberno galego licita por un millón de euros o proxecto para mellorar o espazo de acollida a grupos e construír novas dependencias para peregrinos

A Xunta de Galicia publicou hoxe a licitación para rehabilitar o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, que se incorporará á rede de albergues dispoñibles na Vía da Prata. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega dun millón de euros para mellorar o espazo existente de acollida de grupos, garantir a accesibilidade e construír novas dependencias para os peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

Na actualidade o Mosteiro de Oseira conta cunha nave destinada a acoller a grupos. Trátase dun espazo con problemas importantes de humidade e accesibilidade que non ten posibilidade de ventilación e iluminación natural. Para mellorar as condicións e ofrecer unha maior capacidade, o proxecto propón reconverter unha das naves abandonadas para crear un albergue de peregrinos recuperando un espazo con importante valor patrimonial.

Concretamente, as actuacións contemplan a renovación das instalacións mantendo o uso de albergar grupos e dotándoas de instalacións sanitarias accesibles e adecuadas. Ademais, rehabilitarase un dos alpendres, ampliando o seu espazo, para crear o novo albergue de peregrinos. Trátase dunha construción que permitirá poñer en valor unha edificación en desuso e que contará con dormitorios, aseos e espazos comúns.

A medida enmárcase no Plan de Albergues, que está a impulsar a creación de novos albergues públicos en edificios de valor histórico patrimonial do Camiño

Ao remate deste proceso, o Mosteiro de Oseira contará con dúas dependencias destinadas a peregrinos plenamente integradas e conectadas por unha cuberta horizontal ofrecendo unha sensación de calma e intimidade aos visitantes nun espazo histórico próximo ao trazado xacobeo. Ademais, a proposta da Xunta reserva a idea de converter nun futuro o antigo colexio nun centro de recepción dos visitantes que acoden ao conxunto monacal.

Trazado con gran potencial

As actuacións previstas permitirán mellorar os servizos que se ofrecen aos peregrinos que percorren a Vía da Prata, un trazado que conta cun gran potencial polas paisaxes e elementos patrimoniais que atesoura, atravesando, ao longo do seu trazado, catro cidades declaradas Patrimonio da Humanidade. Trátase, en definitiva, dun dos itinerarios xacobeos máis importantes e só no pasado ano foi percorrido por preto de 10.000 persoas.

 

Este proxecto enmárcase no Plan de Albergues da Xunta que aposta pola rehabilitación de edificios de valor histórico e patrimonial, como o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, e pola posta en valor das diferentes rutas de peregrinación. Trátase dunha folla de ruta que ten como obxectivo a mellora dos establecementos de acollida ao peregrino diversificando os fluxos de peregrinos e ofrecendo un servizos de calidade en todos itinerarios.

Camiño sustentable

A aposta pola rehabilitación de edificios con valor histórico patrimonial encaixa cos valores de sustentabilidade do Camiño de Santiago, un fenómeno vinculado á natureza no que os peregrinos interactúan co territorio, a poboación, a cultura e o patrimonio dun xeito respectuoso e minimizando o impacto co medio natural.

 

Ademais estas actuacións, que teñen en conta a accesibilidade, reforzan o potencial integrador da Ruta Xacobea, un espazo no que conviven diversas culturas e no que se fomenta a accesibilidade, a igualdade e o equilibrio real entre todos os colectivos da sociedade civil a través de iniciativas nos trazados, na sinalización ou nos albergues.

- Publicidade -spot_img