spot_img
InicioPontevedra e Área21 creadores e investigadores recollen esta tarde os Premios Provinciais á Investigación,...

21 creadores e investigadores recollen esta tarde os Premios Provinciais á Investigación, á Cultura e Novos Valores

A Deputación destina 450.000 € a proxectos de atención especializada e integración social e laboral dos colectivos máis vulnerablesEntre os autores figuran veciños de Vigo, Pontevedra, Moaña, Cangas, Silleda, Barro, Meaño, Tui, Portas, Salvaterra de Miño e Vilagarcía

Un total de 21 creadores e investigadores recollen esta tarde os Premios Provinciais á Cultura,  Premios Provinciais á Investigación e os galardóns do certame Novos Valores de Artes Plásticas. Farano nun acto no que participarán o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e ó que asistirán, entre outras autoridades, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, así como deputados provinciais e autonómicos, alcaldes e representantes do mundo académico e da cultura.

Con estes galardóns, instituídos pola Deputación de Pontevedra, preténdese premiar a creatividade e a investigación na provincia, como alicientes para fomentar a cultura, a innovación e o desenvolvemento científico.

No caso dos Premios Provinciais á Cultura 2013 o xurado recoñeceu o percorrido profesional da escultora e ceramista silledense Elena Colmeiro González, a quen a institución provincial lle concede o premio á traxectoria cultural por toda unha vida dedicada ó mundo da arte, que a levou a ser recoñecida desde os seus inicios como unha das mellores ceramistas de España. As súas obras están expostas en numerosos museos e coleccións públicas e privadas de España, Europa e América.

Como mellor proxecto innovador ou vangardista, os Premios Provinciais á Cultura recoñecen o labor da Asociación Cultural pola Creación Artística Enfoques, concretamente polo seu Festival Play-Doc, que, cunha década de vida, é xa un referente no mundo do documental cinematográfico. Trátase dun proxecto independente que lle achega ó público un cine esencial, ó tempo que crea un espazo para o diálogo e o intercambio de ideas.

Pola súa banda, o Concello de Barro recibe o premio á protección do patrimonio público polo seu labor de recuperación e posta en valor do espazo natural do parque da natureza Río Barosa, conseguindo a reparación dos muíños de auga e o patrimonio etnográfico e artesanal.

Finalmente, o premio Diosiño, dotado igual que os anteriores con 6.000 euros, recaerá ex aequo na Asociación Cultural Unión Musical de Meaño polo labor musical que leva a cabo desde o ano 1830, o que a converte nunha das máis antiga de Galicia; e na Banda de Música La Unión de Lantaño polo seu labor de integración, difusión e desenvolvemento da música que leva a cabo no concello de Portas desde o ano 1870.

Impulso á investigación

No caso dos Premios á Investigación 2013, orientados a promover a xeración do coñecemento científico na provincia, os galardoados son científicos e investigadores de Vigo, Pontevedra, Cangas, Moaña, Salvaterra de Miño, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela.

Pedro Arias Sánchez, da Escola de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo, recibirá o premio en Ciencias e Tecnoloxía polo seu traballoO potencial das xeotecnoloxías como ferramentas de dixitalización masiva dirixidas ao inventario e inspección de infraestruturas.

Pola súa banda, o premio a novos investigadores en Ciencias Sociais e Humanidades repartirano ex aequo a canguesa Sonia Otero Pereira, polo seu traballo La ilustración de los Sainetes de Ramón de la Cruz en el siglo XIX: la edición popular de J. M. Faquineto (1882), e Alberto Santos Cancelas, veciño de Moaña, polo estudo Cileni: etnicidad y religión.

No tocante ós premios a teses de doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía, recibirano ex aequo Patricia Sanmartín Sánchez, de Salvaterra de Miñopola tese Cuantificación del color en el estudio de la formación de biofilms en rocas graníticas del patrimonio histórico artístico; Antonio José Vázquez Álvarez, de Ourense, pola tese Mejora del rendimiento de la red GENSO de seguimiento de satélites mediante la introducción de capacidad de Soft-Handover entre estaciones; e Nuria Sánchez Otero, de Vigo, pola investigación Detección y validación de marcadores de diagnóstico del derrame pleural maligno.

En canto ás teses en Humanidades e Ciencias Sociais recibirán o galardón Óscar Briones Gamarra, de Vilagarcía de Arousa, e Olalla López Costas, de Santiago de Compostela, polos traballos Factores determinantes en la construcción de la función de recursos humanos autonómica Antropología de los restos óseos humanos de Galicia: Estudio de la población romana y medieval gallega, respectivamente.

Creatividade e talento novel

Nesta ocasión, ó igual que o pasado ano, o acto servirá para recoñecer o talento e a creatividade dos artistas noveis, coa entrega dos premios Novos Valores de Artes Plásticas.

O primeiro premio recollerao Marcos Jesús Covela Mira, veciño de Vigo e que foi galardoado pola escultura denominada Reverso. Tamén de escultura é o segundo premio, concedido a Íñigo Almeida Estévez, de Moaña, polo traballo O Fió.

Os pontevedreses María González Sánchez e Elías Alberto Pintos recollerán dous cuartos premios (polas esculturas Bomba e Simulación, respectivamente), e a tamén pontevedresa Iria Cortizo Franco recollerá o terceiro, pola escultura El almuerzo desnudo.

Tamén un cuarto premio, nesta ocasión pola pintura Chaos Study, corresponderalle a Arantza Pardo Barbeito, da Coruña.

Pola súa banda, o veciño do Barco de Valdeorras Rodrigo Domínguez Rodríguez recollerá un terceiro premio por un debuxo titulado Estudo dun desfeito.

Finalmente, o vigués Ventura Alejandro Pérez Suárez recollerá o premio Silverio Rivas de escultura, concedido polo traballo A cidade neutra.

- Publicidade -spot_img