spot_img
InicioCondado ParadantaA CIG-Ensino esixe o cese da actitude intimidatoria das Xefaturas de Educación...

A CIG-Ensino esixe o cese da actitude intimidatoria das Xefaturas de Educación da Coruña e Pontevedra e que se atendan as demandas dos centros

A CIG-Ensino esixe o cese da actitude intimidatoria das Xefaturas de Educación da Coruña e Pontevedra e que se atendan as demandas dos centros

 

A CIG-Ensino esixiu este mércores o cese inmediato da actitude “intimidatoria” da Consellaría de Educación contra os centros que reclaman a cobertura das súas necesidades de profesorado. É fíxoo precisamente con concentracións diante das Xefaturas Territoriais da Coruña e Pontevedra; para eles estas dúas delegacións son das que máis duramente están atacando ao profesorado e ás comunidades educativas que demandan un ensino público de calidade.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicaba durante a protesta realizada na Coruña, que logo de 20 días de curso en Primaria, e 15 en Secundaria, aínda permanecen sen cubrirse as necesidades máis perentorias dos centros educativos, nomeadamente no referido ao número de docentes. “Hai arredor de 200 centros públicos aos que a Consellaría non dotou con todo o profesorado necesario. E a actuación da administración educativa, fundamentalmente da Xefatura Territorial da Coruña e Pontevedra,  consistiu en ameazar e amedrentar ao profesorado e ás propias comunidades escolares en lugar de atender as súas demandas”, denunciou. Entre eses 200 centros cóntanse varios centros das comarcas do Baixo Miño e o Condado, entre os que cabe sinalar os casos dos centros aos que non se lles asigna a totalidade do profesorado que figura no catálogo do centro, motivo polo val a CIG-Ensino xa presentou recurso ante a Cosnellaría e se están a producir mobilizacións no CPI do Rosal e no CEIP Feliciano Barrera de Ponteareas.

A este respecto, Louzao criticou o uso perverso da páxina web da consellaría para atacar e difamar ao profesorado dos centros que se mobilizan, nun intento de desprestixiar as súas . “Non podemos permitir que a Consellaría actúa desta maneira contra as comunidades escolares que están a reivindicar profesorado para que o sistema educativo funcione, mesmo recorrendo a artimañas de espionaxe”.

Falta de profesorado

Sobre esta cuestión, sinalou que as carencias de profesorado nestes centros afectan de xeito máis grave a aquel alumnado que precisa reforzo educativo ou que ten necesidades educativas especiais. “Falamos de profesorado de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, e orientadores/as”. Así sucede nos concellos de Tui e Tomiño, que non teñen cubertas estas necesidads de profesorado.

Xunto a isto, a CIG-Ensino constatou como neste inicio de curso existen moitas unidades que superan a ratio de alumnos/as por aula e como se deu un incremento do número de profesores/as que ten que impartir materias nas que non é especialista, “porque a administración sigue recortando no profesorado e porque non lle interesa a calidade do ensino”, aseverou.

En concreto, o Secretario da Federación de Ensino, apuntou que dende a Xefatura Territorial da Coruña se deu orde de que aqueles centros que superaran as ratios máximas de alumnas/os por aula non desdobraran as unidades, sempre e cando non pasen do 10%.

Aplicación da LOMCE

Aos recortes que lastran a calidade da ensinanza e o funcionamento diario dos centros públicos, engádeselle a posta en marcha da aplicación da LOMCE “que foi sen lugar a dúbidas un cúmulo de despropósitos”. Alén de cualificar de “nociva” a normativa española, Louzao denunciou a aplicación incorrecta da lei por parte da Consellaría, posto que publicou o mesmo días que se iniciaba o curso os currículos cos obxectivos que hai que conseguir nas etapas de Primaria e de Formación Profesional Básica. Porén neste momento, os centros carecen de ningunha Orde que estabeleza como ten que ser o funcionamento do sistema educativo que se implanta coa LOMCE e que aínda convive coa sistema da LOE.

Respecto da FP Básica que supostamente substitúe os programas de cualificación profesional, porén “está afondando nas desigualdades sociais e está a ser un elemento de discriminación e marxinación”, xa que se imparten exclusivamente en 87 concellos de Galiza, impedindo o acceso ao alumnado do ámbito rural que nin sequera dispón de transporte para poder cursar este nivel educativo. Así sucede no Val Miñor, en que a oferta desapareceu do concello de Gondomar e se reduciu nun 50% en Nigrán. No Condado a oferta redúcese ao 50% nos concellos de Ponteareas e O Porriño e desaparece no de Salceda de Caselas

Diante desta situación, a CIG-Ensino promoverá pronunciamentos dos claustros de profesores para denunciar os recortes e actuación da consellaría e vai presentará recurso pola non cobertura dos catálogos de centros que están publicados. A máis, continúa coa campaña de recollida de sinaturas para a ILP para a restitución dos dereitos laborais e retributivos do profesorado, xunto con propostas para mellorar a calidade do ensino e cubrir as necesidades dos centros.

- Publicidade -spot_img