spot_img
InicioVal MiñorBaiona20 barcos poderán disputar a II Baiona Angra Atlantic Race

20 barcos poderán disputar a II Baiona Angra Atlantic Race

20-barcos-poderan-disputar-ii-baiona-angra-atlantic-race
Parte da flota da primeira edición Baiona Angra Atlantic Race de 2016

Dous anos despois da celebración da súa primeira edición, regresa a Baiona Angra Atlantic Race, unha das poucas regatas oceánicas que se organizan desde España, nacida en 2016 da man do Monte Real Club de Yates (Galicia) e o Angra Iate Clube ( Açores).

Ambos os clubs acaban de anunciar a apertura do prazo de inscrición para participar na segunda edición, que xa ten data, e que partirá de Baiona (Galicia – España) con destino a Angra do Heroismo ( Açores – Portugal) o próximo 1 de xullo.

A competición, na que poderán participar un máximo de 20 barcos cun mínimo de 10 metros de eslora e tripulación completa, manterá o esquema co que naceu. Incluirá dúas etapas, de ida e volta, dunhas 865 millas de percorrido cada unha.

En total, máis de 1.700 millas e todo un reto para os navegantes máis aventureiros, que non só deberán enfrontarse aos seus rivais senón, sobre todo, facer fronte ás duras condicións do Atlántico, a fatiga, o cansazo, a falta de soño ou as propias condicións do barco, no que pasarán bastantes días nun espazo moi reducido e sen divisar nada de terra ao redor.

Trátase, sen dúbida, dunha das probas máis emocionantes que se celebrarán neste 2018, baixo a organización dun dos clubs máis emblemáticos do panorama náutico español, o Monte Real Club de Yates.

Recoñecido por organizar varias edicións da Lymington-Baiona, varios campionatos de Europa e do Mundo e numerosas regatas de Match Race, o club baionés destaca na actualidade polo seu histórico Trofeo Príncipe de Asturias, que celebra de forma ininterrompida desde fai máis de trinta anos.

Unha gran cita deportiva e social para a que xa está aberto o prazo de inscrición

Xunto ao programa deportivo, un dos grandes atractivos da Baiona Angra Atlantic Race é a súa ampla axenda social, que inclúe a celebración de diversos eventos destinados ao goce das tripulacións. Os regatistas poderán participar en comidas, festas, excursións e visitas turísticas en Galicia e Açores. Dispoñerán, ademais, de amarres gratuítos tanto en Baiona como en Angra do Heroismo.

Para inscribirse na competición, os armadores ou patróns deberán dirixirse ao Monte Real Club de Iates, escribindo un correo electrónico a secretaria@mrcyb.com ou chamando por teléfono ao (+34) 986 385 000. O prazo de inscrición, limitado a un máximo de 20 barcos, permanecerá aberto ata o 1 de xuño, con descontos do 25 por cento nas cotas para os que se inscriban antes do 1 de marzo.

Os barcos portugueses destacaron na primeira edición

O Xekmatt da Asociación Naval de Lisboa, patroneado polo cascalense José Carlos Prista na etapa inicial e Hugo Prista na final, levou a vitoria da primeira edición da Baiona Angra Atlantic Race. Os portugueses fixéronse, ademais, co record da travesía Angra do Heroismo-Baiona, tras ser os máis rápidos en completala.

Outros protagonistas da primeira edición da Baiona Angra foron o tamén portugués Cleopatra, da Asociación Nautica de Recreio, e o Free Spirit, do Real Club Marítimo de Abra–Real Sporting Club, que lograron a prata e o bronce respectivamente. Destacada tamén foi a actuación do Saint Maxime do Monte Real Club de Iates, con Miguel Lago á fronte, premiado como o mellor barco da primeira etapa.

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.