spot_img
InicioVigo e áreaSoutomaiorA presidenta da Deputación de Pontevedra presenta ao alcalde de Soutomaior o...

A presidenta da Deputación de Pontevedra presenta ao alcalde de Soutomaior o proxecto de musealización do Castelo

presidenta-da-deputacion-pontevedra-presenta-ao-alcalde-soutomaior-proxecto-musealizacion-do-casteloA presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, para darlle a coñecer as actuacións enmarcadas no proxecto de musealización do Castelo e nas que a institución está a investir preto de 500.000 euros.

No encontro, Silva adiantou que o proxecto, que estará rematado na próxima primavera será  “moderno, avanzado, vangardista e estamos convencidas e convencidos de que vai atraer a moitísima xente”. A presidenta asegurou que o proxecto de musealización permitirá ao público gozar de “dez salas con moitos recursos de diferente tipoloxía”. A primeira das salas realizará unha análise da importancia histórica do castelo na paisaxe desde a súa orixe.  A continuación, haberá un espazo destinado á importancia da súa situación para o control do territorio así como para explicar a destrución do castelo por parte das revoltas irmandiñas.  A cuarta sala recolle o papel dunha das figuras máis lendaria vencellada ao castelo: a de Pedro Madruga.

Pola súa banda, o proxecto de musealización tamén contempla un espazo destinado ao estudo da fortaleza como centro de poder e á hipótese da orixe galego de Cristóbal Colón. A sétima sala destínase á liñaxe dos Soutomaior e a oitava ao cambio que se produciu en 1870, cando o castelo pasa de fortaleza a palacio residencial.

Tamén haberá un espazo para María Vinyals, no que se repasará a súa vida, a súa relación co castelo e a súa contribución na historia do mesmo. E, xa para rematar, configurarase na última sala un espazo no que se repasarán as reformas arquitectónicas e as transformacións que o castelo sufriu ao longo da historia.

A presidenta tamén adiantou que “o achegamento ao Castelo vaise realizar coas técnicas máis avanzadas dos museos”. Deste xeito, Silva falou de que as salas ofrecerán materiais audiovisuais, recreacións en 3D e un mapping, en concreto na sala de Pedro Madruga, “onde a xente vai poder ver case en primeira persoa durante cinco minutos como van aparecendo as imaxes e a historia deste personaxe”. A presidenta tamén adiantou que as salas do Castelo contarán con “caixas máxicas que sorprenderán moito aos nenos e ás nenas porque cando se afasten da caixa verán unha cousa e cando se acerquen outra”. Nestes momentos, e tal e como informou Silva, o castelo permanece pechado xa que se están a realizar traballos á espera de abrir en abril ao público co proxecto rematado. “Falábamos o alcalde máis eu que, cando estea rematada, imos facer unha presentación para todos os medios de Galicia e unha inauguración potente, porque queremos que toda a cidadanía poida coñecer o Castelo de Soutomaior”. Neste eido, a presidenta da agradeceu a colaboración e a disposición do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, xa que “estamos a traballar conxuntamente por este Castelo, que é unha grande xoia”.

Pola súa banda, Reguera amosou a súa satisfacción polos traballos que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver no castelo de Soutomaior. “Estou encantado –subliñou o alcalde da vila – e quero agradecer á presidenta o que se está involucrando co castelo, coa musealización e tamén coa posta en valor das rutas polo recinto histórico. Estou seguro que este proxecto vai ser un antes e un despois para o noso concello, vai permitir que o Castelo sexa unha referencia”.  Amais, Reguera púxose a disposición da presidenta “para todo o que precise do Concello porque este actuación vai converter a Soutomaior nunha atracción turística de primeira orde”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para recordar que amais do investimento de 500.000 no proxecto de musealización do Castelo de Soutomaior, a institución provincial vai crear un centro de recepción de visitantes na entrada do recinto amais de ter xa investido nas rutas e na erradicación de especies arbóreas foráneas como os eucaliptos para substituílas por árbores senlleiras. Ao respecto, Silva adiantou que “imos seguir investindo no Castelo de Soutomaior porque queremos que se converta nun fito do patrimonio da provincia de Pontevedra e por iso, este ano, Ano Europeo do Patrimonio Cultural, o levamos a FITUR porque falamos dun lugar máxico e queremos conseguir que moita xente desexe vir ata o castelo”.

- Publicidade -spot_img