O Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) exploran vías de colaboración, como a creación dunha Cátedra de estudo e investigación.
O reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón; o director do Centro Asociado de Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, Víctor Manuel González Sánchez; o subdirector do Centro Asociado, Alfonso Vázquez Reboredo; e o coordinador de actividades de extensión universitaria, Rafael Cotelo Pazos; reuníronse co delegado do Estado, David Regades, para ofrecer ao Consorcio unha colaboración coincidindo con que a universidade a distancia prepara o seu 50 aniversario, que se celebra en 2022 e foi declarado Acontecemento de Excepcional Interese Público.
O reitor da UNED puxo en valor o potencial do Consorcio da Zona Franca de Vigo e mostrou gran interese pola Cátedra Ardán, que Zona Franca desenvolve en colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de establecer un mecanismo similar de colaboración. As actividades deste tipo de cátedras son plurais e van desde a formación e intercambio de persoal e de experiencias ata a realización de proxectos de I+D.
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou que “a UNED pon en valor o traballo que se fai desde hai anos no Consorcio coa Cátedra Ardán, onde se elaborarán estudos sobre a economía galega, o máis recente sobre o impacto do covid; investígase sobre factores de competitividade e boa xestión das empresas, ademais de estudar actividades emerxentes ou sectores cun alto potencial para Galicia”. David Regades subliñou que “a UNED contará co noso apoio. Agora iniciamos un camiño que nos levará a alcanzar grandes metas xuntos”.
Así mesmo, Ricardo Mairal puxo sobre a mesa outras potenciais colaboracións con Zona Franca, como a posibilidade de organizar congresos de innovación e explorar vías de colaboración con motivo do 50 aniversario da institución académica, nacida en 1972, que nesta efeméride quere ir da man do Consorcio da Zona Franca de Vigo.
En Vigo, a UNED creceu de forma substancial nos últimos anos co apoio do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Conta cun centro no Auditorio Mar de Vigo, onde oferta trece graos, nos que estudan case 1.200 persoas. Son os graos de Psicoloxía, Dereito, ADE, Educación Social, Historia da arte, Xeografía e Historia, Pedagoxía, Enxeñería Informática, Estudos Ingleses, Ciencias Ambientais, Ciencia Política e Administración, Turismo e Tecnoloxías da Información, así como o curso de acceso. Un 61% dos seus estudantes son mulleres.