·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoTomiño rende homenaxe a Suso Montero pola súa implicación social e humana...

Tomiño rende homenaxe a Suso Montero pola súa implicación social e humana na vida do municipio

Tomiño rende homenaxe a Suso Montero pola súa implicación social e humana na vida do municipioA praza do Seixo ateigouse de veciños e veciñas nun emotivo acto que contou coa presenza de autoridades, familiares, amigos e compañeiras de traballo

A praza do Seixo ateigouse este sábado durante a celebración do xa tradicional Acto Cívico do Alivio, este ano dedicado a Jesús “Suso” Montero Villar, coñecido e recoñecido pola súa activa implicación social na vida do municipio e polo seu destacado carácter humano, sempre disposto a axudar a todo o mundo de xeito desinteresado.

No acto estiveron presentes os membros da corporación municipal, alcaldes e alcaldesas da comarca, autoridades e representantes dos corpos de seguridade, homenaxeados en anos anteriores, amigos, familiares e unha multitude de veciños e veciñas que arrouparon ao homenaxeado nunha emotiva xornada.

A gala, presentada polo actor e locutor Suso Pando, puxo en valor a figura do “Suso do INEM”, veciño incansable no seu labor asociativo e social. Nado en Castrelo de Miño no 1954 e veciño de Tomiño logo de casar coa súa muller, Mari. Suso foi membro das comisións de festas de San Blas durante dúas décadas e da Nosa Señora, participou na traída de augas de Vilar e na directiva da Comunidade de Montes de Tomiño, na que segue activo. Tamén destacou polo seu labor no deporte, sendo membro da directiva do Tomiño F.C. e promotor do Tomiño F.C. Feminino.

Tomiño rende homenaxe a Suso Montero pola súa implicación social e humana na vida do municipio

Na súa intervención Suso non deixou de agradecer a presenza de todos e todas as asistentes “a quen lles gustaría poder saudar un por un”, ademais de lembrar a toda a xente que pasou polo ultramarinos que rexentaban seus pais cando era un cativo e que deixaron unha forte impronta nel. Tamén tivo palabras para lembrar a un dos seus íntimos amigos da infancia tristemente falecido ese mesmo día, o pediatra Juan Luis Villalón Rios, compañeiro co que estudou no colexio dos Maristas. Un papel destacado reservou nos seus agradecementos para a súa muller, Mari, un piar fundamental na súa vida. “Sempre ocupada nos labores domésticos, coidando do pai, logo dos irmáns, logo dos fillos, logo dos netos… e sempre de min”, declarou.

“Gratitude e recoñecemento por parte de toda a veciñanza de Tomiño” foron as palabras da alcaldesa Sandra González cara ao homenaxeado, a quen recoñeceu como “un dos imprescindibles nunha sociedade que aspira a ser mellor, amable e xenerosa cos seus veciños e veciñas”. Montero tamén destacou durante toda a súa vida polo seu marcado carácter humano e solidario, sempre disposto a axudar a todo o mundo, resolvendo dúbidas e asesorando a quen o precisou en multitude de xestións nunha época na que Internet e o acceso á información non eran tan asequibles como na actualidade.

A rexedora relatou o difícil que fora convencer “ao Suso” de que a homenaxe deste ano tiña que ser para el, xa que non entendía o por que do recoñecemento. “Pedinlle que o pensara, e que saíra a rúa e lle preguntara á xente se o merecía ou non. A proba de que é así témola hoxe aquí, con esta praza ateigada de veciños e veciñas que así o cren”, declarou.

A cerimonia contou tamén coa actuación previa da Treboada Baixo Miño e estivo amenizada pola Agrupación Musical de Goián, a cal ofreceu un concerto unha vez finalizado o acto.

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies