Zona Franca apoiará á asociación de estudantes UVigo SpaceLab para que poidan lanzar un nanosatélite co obxectivo de analizar o comportamento de microorganismos no espazo.
O delegado do Estado, David Regades, reuniuse cos estudantes que lideran o proxecto, Manuel Diz e Alejandro Camanzo, así como co profesor Fernando Aguado, cos que comprometeu o respaldo do Consorcio ao proxecto. Nas próximas semanas concretarase a fórmula para este apoio.
A asociación UVigo SpaceLab integra a un equipo multidisciplinar, cunha vintena de estudantes de catro enxeñerías dos campus de Ourense e Vigo, dedicado ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais. Desde hai meses traballan nunha misión biolóxica que quere analizar os efectos da exposición dos microorganismos ao medio espacial. O proxecto denomínase BIXO ( Bacteriological Intercommunication eXperiment Orbiter) e traballan para poder lanzalo en 2023.



