David Regades destacou que “este plan pretende ser un dos piares para o crecemento económico da provincia e por iso é prioritario contar co máximo consenso de todos os axentes e concellos”
Zona Franca de Vigo analizou con axentes sociais e económicos do Salnés e Caldas os sectores de turismo e vitivinícola, no segundo workshop do Plan estratéxico da provincia. Tras a reunión de Tui hai unhas semanas, chegou a quenda da mesa de traballo do Salnés, para completar a análise coas súas achegas.
En Cambados reuníronse nunha mesa de traballo a Asociación de hostalería de Caldas, a Ruta do Viño Rías Baixas, a Mancomunidade do Salnés, o Grupo de Acción Local de Pesca-GALP Ría de Arousa e o Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla-Umia, dentro do análise da área económica do Salnés-Caldas, con especial atención aos sectores de turismo, turismo peregrino, vitivinícola, alimentación e industria.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou que “este plan pretende ser un dos piares para o crecemento económico da provincia e por iso é prioritario contar co máximo consenso de todos os axentes e concellos. Así que, na elaboración deste plan, están a participar ademais das administracións municipais, os axentes sociais, as principais entidades empresariais e o tecido empresarial”.
Ao workshop de Cambados asistiron os alcaldes de Cambados, Samuel Lago; de Cuntis, Manuel Campos Velay; e de Ribadumia, David José Castro Mougan, así como a concelleira de Promoción Económica de Vilagarcía de Arousa, Alba Briones.
Previamente realizáronse entrevistas persoais a 35 axentes e realizouse a análise de 9 iniciativas de éxito que servirán como modelo. Agora a folla de roteiro continúa e trátase de focalizar e recoller ideas.
Estas mesas de traballo foron deseñadas para identificar liñas de traballo e proxectos que dean resposta aos retos demográficos, económicos e de desenvolvemento sostible aos que se enfronta a provincia. Ao longo das próximas semanas reuniranse mesas tamén en Pontevedra, en Silleda para a área de Tabeirós-Terra de Montes-Deza, en Moaña para a área Vigo-Morrazo e en Baiona para o estudo da área do Val Miñor.
As consultas aos axentes, complementa un diagnóstico global e pormenorizado por división económica no que se recolle a situación social e económica da provincia, así como as oportunidades e principais desafíos para os próximos anos. De todas estas achegas sairá un documento de liñas estratéxicas e posteriormente o plan operativo con accións concretas.