A rúa Ordóñez e as prazas do Concello e San Fernando acollen ata o martes 17 a XXIV Feira de Artesanía de Tui a unha trintena de postos artesáns, celebraranse obradoiros, demostracións de oficios tradicionais e actuacións musicais.
Dende o pasado sábado que foi o acto inaugural, a artesanía galega en cerámica, marroquinería, madeira, vidro, instrumentos musicais, moda, complementos,… está presente no conxunto histórico que se converterá nun escaparate de exposición e venda dos produtos artesáns elaborados en Galicia.
O público que se achegue á feira poderá amais ver traballar a moitos dos artesáns en vivo e participar nos obradoiros previstos de agulla de gancho, de Hapa Zome – técnica de impresión xaponesa con pigmento naturais -, coiro, talla en madeira, e de construción dunha pandeireta. Tamén haberá demostracións de oficios tradicionais coma o tallado de vidro ou madeira.
A música tradicional estará tamén presente, o luns co grupo Roncho&Fol (20.30 h) e o martes coas Pandereiras da Raia da Asociación Cultural San Telmo (19.30 h) e o concerto da Banda de Música Popular de Tui, a Banda de Gaitas e o grupo de baile Lembranzas da Terra de Guillarei (21.00 h).
Nesta cita estará tamén presente a gastronomía coas empanadillas caseiras feitas a man de Vioncas Bake e as cervexas artesás de Menduíña (sábado), Meiga (domingo) e Trisk-Ale (luns e martes).





