O Parque de Castrelos, coñecido tamén como Finca da Marquesa, é un dos lugares máis fermosos e emblemáticos de Vigo. Está situado no oeste do casco urbano, nas parroquias do Freixeiro e Castrelos, e comprende máis de 22 ha que forman o maior parque urbano da cidade. Nel atopamos o Pazo Quiñones de León ou Pazo de Valadares, considerado polos vigueses como aceno de identidade por estar presente en boa parte da historia da cidade olívica. Dende 1933 é propiedade do Concello de Vigo, e por tanto, de todos os vigueses.
O de Castrelos é un dos mellores exemplos de xardíns pacegos de Galicia e aínda conserva o seu deseño orixinal. En conxunto o predio alberga unha gran riqueza botánica, a maior entre os parques galegos, con máis de 300 especies presentes. E en 2014 foi incluído na Ruta da Camelia de Galicia.
O parque divídese en dúas partes ben delimitadas e separadas por un muro: o recinto do pazo, situado na parte máis alta, e o parque, na parte media e na veiga do río.
O RECINTO DO PAZO
Ten unha superficie dunhas cinco hectáreas delimitadas por un muro de pedra e nel atópanse o pazo, a capela e edificacións anexas, os xardíns, a antiga horta, o pombal e a carballeira.
Accedendo pola entrada principal atopamos, diante da fachada do pazo, unha rotonda central cunha fonte rodeada de céspede; á dereita, unha palmeira Livistona australis, e detrás desta, un paseo rematado nunha garita que separa este xardín do nivel inferior.
Flanqueando o pazo pola dereita accedemos aos xardíns dispostos en tres niveis de diferente estilo:
Á esquerda, o nivel máis elevado, conforma a rosaleira, cun camiño orlado de arbustos e arcos que sustentan roseiras. Unha pérgola ó comezo e outra cara a metade sosteñen varias rubideiras. Destaca un gran exemplar de Araucaria heterophylla, e numerosas camelias.
Na parte central, na cota có pazo, está o xardín francés, cun deseño xeométrico de camiños enmarcados con sebes de buxo, dividido en dúas partes: unha adxacente ó pazo, onde destaca o gran exemplar de Camellia japonica coñecido coma ‘Matusalén’ –incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras– [1], e outra, cunha colección de palmeiras algunhas centenarias.
Á dereita, nun nivel inferior, esténdese o xardín inglés, unha pradería coñecida como pradería do té por tomalo alí antigamente os señores, cun estanque no centro, ás beiras do cal medran os grandes exemplares de Araucaria angustifolia, e Liriodendron tulipifera (incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras [1]). No espazo máis próximo ó pazo hai tres magnolias centenarias, un camiño franqueado por camelias e unhas escaleiras baixo un túnel vexetal que conectan de novo co pazo.

A continuación, cara ó sur, onde antigamente estaban a horta e viveiros, hai hoxe en día unha ampla pradería con algunhas árbores espalladas. O paseo de Antonio Odriozola, cunha doble fileira de camelias, separa a pradería dun pequeno estanque rodeado de fentos arborescentes (Sphaeropteris cooperi), conduce ó pombal e a antiga pista de tenis. Este paseo, inaugurado en marzo de 1990 [2], foi iniciado por D. Angel Ilarri (administrador e director do museo e os xardíns dende 1938 ata a súa xubilación en 1979).
Continuando cara o sur, a parte máis afastada do pazo tamén está dividida en tres niveis:
A parte máis alta está separada da pradería por un muro de contención, onde foi colocada hai uns anos a balconada de pedra do edificio –xa derrubado- onde morreu Concepción Arenal.
No nivel intermedio, separada do anterior por un muro, atópase o pombal e a antiga pista de tenis. Unha dobre fileira de grandes eucaliptos centenarios (Eucalyptus globulus incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e E. obliqua), discorre xunto ó muro de contención polo lateral da pista de tenis ata o linde coa rúa Canicouva.
A carballeira na parte máis baixa do recinto, nunha zona de forte pendente, conserva os maiores carballos (Quercus robur) do concello de Vigo, con idades de 150-160 anos e ata 30 m de altura, xunto con loureiros (Laurus noblis) e algunhas árbores exóticas.
O PARQUE
Unha gran parte está ocupado por unha masa de grandes plátanos de sombra (Platanus x acerifolia), moitos centenarios e cunha altura media duns 40 m. A estrada de acceso principal, desde a Avenida de Castrelos, nomeada dende abril de 1999 como paseo de Ángel Ilarri [2], conduce ata ó pazo dividendo o parque en dúas partes: Na parte norte é mais aberta, e unha ladeira con grandes árbores se achega ata a veiga do río Lagares, atopamos o parque infantil, circuíto de “running” e de exercicios biosaudables, e a explanada para actividades culturais e festivas. Na zona central desta área, destaca o gran auditorio ó aire libre, un dos mellores de España, cuxa construción comezouse en 1954 aproveitando a pendente da ladeira, o que lle confire unha estrutura que evoca os anfiteatros romanos. Nel celébranse actuacións musicais durante o verán.
Na parte sur destaca a lagoa, creada en 1986, con illas, pontes, un paseo arredor e unha pradería con sendeiros. e un grupo de enormes plátanos. En febreiro de 1955, o parque foi declarado “Jardín Artístico” por decreto publicado no B.O.E. do 24 de marzo [3].
HISTORIA
A orixe do pazo data do século XV, coa construción dunha torre medieval denominada Torre de Lavandeira, que se erguía preto do actual pazo e que pasa a ser propiedade da familia Tavarés por matrimonio de Juan Fernández Tavarés con Benita Núñez de Bullón, en 1579.
En novembro de 1665, no seno das guerras con Portugal, un exército portugués saquea e incendia a torre, causando estragos nela. En 1670, o entón señor da Torre de Lavandeira, Benito Tavarés de Távara, edifica o actual pazo…….
SE VOS GUSTA, PODEDES LER A REPORTAXE COMPLETA NO Nº16 DA NOSA REVISTA COUSAS DE
Por, Carmen Salinero, Pilar Vela e Ángeles Barros
Estación Fitopatolóxica Areeiro







