·Publicidade ·spot_img
InicioBaixo MiñoVisitas guiadas e un ciclo de coferencias para poñer en valor o...

Visitas guiadas e un ciclo de coferencias para poñer en valor o retablo que a igrexa de San Domingo ten dedicado á Batalla de Lepanto

Visitas guiadas e un ciclo de coferencias para poñer en valor o retablo que a igrexa de San Domingo ten dedicado á Batalla de LepantoCon motivo de conmemorar o 450 aniversario da Batalla de Lepanto o Concello de Tui organiza un ciclo de conferencias sobre o retablo dedicado a esta lendaria Batalla que a igrexa de San Domingo ten no seu interior

Hoxe, 7 de outubro, conmemórase o 450 aniversario da Batalla de Lepanto. Aproveitando esta efeméride o Concello de Tui organiza un ciclo de conferencias e unha serie de visitas guiadas ao retablo de Nosa Señora do Rosario ou da batalla de Lepanto, e a igrexa de San Domingos onde está ubicado, para poñer en valor este singular elemento do patrimonio cultural tudense, e contribuír ao coñecemento da nosa historia e de acervo cultural de Tui.

Esta mañá tivo lugar a presentación deste programa de actividades na propia igrexa de San Domingos, por parte do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, do técnico do Arquivo, a Biblioteca e o Museo Municipal, Rafael Sánchez Bargiela, e do presidente da Asociación Amigos da Catedral, Eduardo Cadenas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicaba esta mañá que o obxectivo destas actividades “é a posta en valor desta xoia do noso patrimonio coma é a igrexa de San Domingos, que amais de ser un elemento moi singular, tamén ten no seu interior unha serie de xoias patrimoniais de carácter excepcional, e unha delas é este famoso retablo da Batalla de Lepanto”. As conferencias previstas, explicaba, “están encamiñadas a coñecer a historia desta xoia patrimonial e tamén á posta en valor desta igrexa” polo que convidaba á asistir as actividades organizadas.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicaba que coas visitas guiadas e as conferencias organizadas búscase “que a cidadanía poida coñecer a riqueza inmensa que temos no noso concello”, engadindo que “este é un máis dos valores patrimoniais e culturais que temos na cidade”.

Rafael Sánchez Bargiela, historiador,  explicaba que o retablo coñecido coma da Batalla de Lepanto é o Retablo de Nosa Señora do Rosario. Precisou que “non sabemos a data concreta nin o autor do retablo. É un retablo realizado entre 1730 e 1740 impulsado por unha confraría do Rosario que existía  nesta igrexa conventual de San Domingos, e que foi seguramente a que propiciou coas súas achegas a realización desta obra”.

A igrexa de San Domingos de Tui, declarada Monumento histórico artístico no ano 1931 (hoxe Ben de Interese Cultural) é un dos espazos patrimoniais de maior interese no conxunto histórico tudense.

A Batalla de Lepanto tivo lugar no ano 1571, sendo a maior batalla naval da historia moderna, na que participaron 450 naves e máis de 200.000 homes. Na mesma enfrontáronse a flota de Liga Santa (integrada pola Monarquía Hispánica, os Estados Pontificios, a República de Venecia, a Orde de Malta, a República de Xénova e o Ducado de Saboia), comandada polo español Juan de Austria, e a flota do Imperio Otomán do sultán Alí Pasha que ameazaba a estabilidade no Mediterráneo occidental. A vitoria das tropas cristiás marcou o freo á política expansionista do imperio turco.

Conta a tradición que namentres acontecía esta batalla o Papa Pío V rezaba o rosario, e que pedira a toda a Cristiandade que o acompañase con esta oración. Desta foi atribuída esta importante vitoria á Nosa Señora do Rosario. Conta amais a tradición que o rezo do rosario foi entregado pola Virxe María a San Domingos, fundador da Orde dos dominicos.

O retablo tudense, promovido pola Confraría do Rosario, recolle na súa iconografía todos este motivos: a imaxes corresponden a Nosa Señora, o seu esposo, San Xosé, e o seu pai, San Xaquín. No mesmo están representadas as escenas dos quince misterios do rosario e coroando o retablo a espectacular representación desta batalla de Lepanto.

O programa previsto comezará con visitas guiadas que se iniciarán esta fin de semana, sábado 9, domingo 10 e luns 11 ás 19 h e que continuarán o domingo 31 de outubro e o luns 1 de novembro ás 18 h .

Xa próxima semana abrirase o ciclo de conferencias que se prolongará até o 9 de novembro.  No mesmo intervirán os profesores da USC Hortensio Sobrado Correa, Domingo González Lopo, Francisco Javier Novo Sánchez,  e a profesora de ensino medio Dolores Balseiro, e o historiador tudense Suso Vila.

Todas as actividades desenvolveranse na Igrexa de San Domingo, sendo preciso inscrición previa no correo biblioteca@tui.gal ou presencialmente na Biblioteca Municipal, no edificio Francisco Sánchez, antiga Área Panorámica.

Visitas guiadas e un ciclo de coferencias para poñer en valor o retablo que a igrexa de San Domingo ten dedicado á Batalla de Lepanto

Programa de actividades con motivo do 450 aniversario da Batalla de Lepanto

Visitas guiadas:

  • Sábado 9, domingo 10 e luns 11 de outubro ás 19.00 h
  • Domingo 31 de outubro e luns 1 de novembro ás 18.00 h

Ciclo de conferencias

  • Mércores, 13 de outubro, ás 19.30 h “A batalla de Lepanto, contexto histórico” por Hortensio Sobrado Correa, profesor da USC
  • Martes, 19 de outubro, ás 19.30 h “A devoción a Nosa Señora do Rosario e as súas confrarías na Galicia do Barroco” por Domingo González Lopo, profesor USC
  • Martes, 26 de outubro, ás 19.30 h “A batalla de Lepanto na literatura española” por Dolores Balseiro, profesora ensino medio
  • Mércores, 3 de novembro, ás 19.30 h “Política, devoción e iconografía bélica. O tema da Batalla de Lepanto no retablo do Rosario do convento de San Domingos de Tui” por Francisco Javier Novo Sánchez, profesor USC.
  • Martes, 9 de novembro, ás 19.30 h “Os corsarios turco-berberiscos nas costas galegas e o seu remoto eco no retablo de Nosa Señora do Rosario de San Domingos de Tui” por Suso Vila, historiador.

Todas as actividades terán lugar na propia igrexa de San Domingos, contando coa colaboración da Asociación de Amigos da Catedral de Tui.

A asistencia é libre e de balde pero cómpre inscrición previa no correo electrónico: biblioteca@tui.gal ou presencialmente na propia Biblioteca Municipal (Edificio Francisco Sánchez – antiga Area Panorámica, rúa Colón, 2).

- Publicidade -spot_img

Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies