O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ofrecerá entre o 9 e o 17 de setembro a programación máis ampla dos seus dez anos de andaina, ao proxectar arredor de cen filmes entre os que entran en competición e os que se amosarán noutros espazos.
Hoxe danse a coñecer os 25 títulos que concorren á Sección Oficial, mentres que ao longo da semana se irán desvelando a través das redes sociais as obras que integran as seccións paralelas.
Vinte países estarán representados na Sección Oficial, entre os que volve destacar Francia con dez producións ou coproducións, xa que os filmes galos tamén supoñían a maioría das 1.960 curtas presentadas este ano ao FICBUEU. Italia e Reino Unido participan en tres títulos cada un, seguidos de Austria e Suíza con dous. Canda as obras europeas, tamén participarán países dos demais continentes coma Estados Unidos, Australia, Tunisia ou Nepal.
O FICBUEU 2017 contará asemade con outras dez seccións: Galicia, España, Latinoamérica, Panorama, Comedia, Animación, Familiar, Infantil, Xuvenil e Irmandade. A estas hai que sumarlles as curtametraxes seleccionadas na convocatoria para colexios e institutos galegos, dunha banda, e para escolas de formación cinematográfica, por outra, que teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 1 de xuño. No transcurso do festival tamén se presentará ‘Megalópole’, traballo realizado por mozas e mozos con discapacidade da Asociación Juan XXIII no marco das actividades da Área Social financiadas por La Caixa.
Estarán representados uns corenta países, dos 92 que concorreron ao certame, entre eles algúns dos considerados “emerxentes” por ser incipiente aínda a súa produción cinematográfica, como Bosnia ou Dinamarca. No entanto, o programa completarase cunha morea de actividades paralelas, que van desde as conferencias e obradoiros ata encontros con persoeiros do mundo do cine, pasando pola gastronomía, natureza, lecer, etc. O FICBUEU 2017 ten confirmado nestes intres o apoio do Concello de Bueu e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, mentres se atopa á espera de que se resolvan as axudas da Deputación de Pontevedra.
SECCIÓN OFICIAL FICBUEU 2017
Il silenzio Italia – Francia
Srečno, Orlo! (Good luck, Orlo!) Eslovenia – Austria – Croacia
Dadyaa Nepal – Francia
Valparaiso Italia
Ses souffles (Breath) Francia
Balcony UK
Un grand silence Francia – Bélxica
Bon voyage Suíza – Turquía
La plage Francia
Wald der echos (Forest of echoes) Austria
Irregulars Italia
Zeev mevoyat (Domesticated wolf) Israel
La laine sur le dos (Law of the lamb) Tunisia – Francia
Voicemail Alemaña
Jacked UK
Cléo Francia
Ruah Suíza
Leni K España
Nowhere line: voices from manus island Australia – UK
Pa fuera Francia
Samedi Francia
Fox Grecia
Le monde du petit monde Francia
Disco Obu India – Singapur – USA
Bier & Calippo (Beer & Calippo) Austria



