A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá en “Vista Real II” case 180.000 euros formando a 20 alumnos
O obradoiro, que é continuación da iniciativa desenvolvida en 2015 (“Vista Real I”), terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”.
O obxectivo destes cursos é preparar a 20 alumnos aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en agricultura ecolóxica e en promoción turística local e información ao visitante: un director, un titor, dous docentes e un administrativo.
De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que durarán estes proxectos. En agricultura ecolóxica formaranse 10 alumnos e en promoción turística local e información ao visitante outros 10.
O alumnado traballará durante os próximos seis meses tanto recuperando e acondicionando os espazos destinados para o desenvolvemento da agricultura de base ecolóxica e hortalizas ecolóxicas na parcela do Pazo de Vista Real, como na programación e control das actividades dun centro de información turística de ámbito local, de cara a adecuar estas iniciativas as características de Vilanova de Arousa e as demandas dos visitantes, continuando coa labor que neste mesmo senso xa se iniciou o ano pasado no obradoiro “Vista Real I”.
En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 7 dos cales desenvolveranse no Salnés. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, 5 deles na provincia de Pontevedra, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse preto de 2.000 desempregados.




