spot_img
InicioPontevedra e ÁreaVigocultura oferta 21 funcións nos meses de outubro e novembro para todos...

Vigocultura oferta 21 funcións nos meses de outubro e novembro para todos os públicos no Auditorio Municipal

Vigocultura oferta 21 funcións nos meses de outubro e novembro para todos os públicos no Auditorio MunicipalO venres 28 e o sábado 29 de setembro arranca a programación municipal de artes escénicas e musicais, VIGOCULTURA, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro, organizada pola Concellería de Cultura.

Trátase do Mago Dani Gacía que realizará pasarrúas pola rúa do Príncipe, rematando co seu espectáculo “Don Gelati” diante das escaleiras do Marco. Serán as primeiras das 21 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, maxia, circo e un espectáculo para bebés e outro de rúa.

VIGOCULTURA volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. O programa contará con sesións para público adulto, os venres ás 21 horas, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18 horas.

Entre os pratos fortes na oferta para público adulto, atópase Yllana, que nesta ocasión, en coprodución con Primital Bros, nos presentará o seu espectáculo musical “The Primitals”, unha función salvaxe que combina música e gargalladas a partes iguais.

Emedous Emoción&Arte estará en función dobre con “A Leituga”, un espectáculo que conta como cabeza de cartel con Antonio Durán Morris, o noso actor vigués máis distinguido. Destaca entre a programación, a coprodución entre LAZONA e o Centro Dramático Nacional, “Cáscaras Vacías”, un espectáculo inclusivo que non deixará indiferente a ninguén. Imposible saír do teatro sen sentir a pel de galiña.

Outra novidade será o espectáculo-conferencia sobre a danza contemporánea. O artista catalán Toni Jodar fará un repaso pola historia até a danza máis contemporánea. Unha conferencia bailada, explicada, que contará cunha charla-coloquio co artista ao rematar para todos os que desexen comentar con él os pormenores das artes do movemento.

Pola súa banda, Teatro Meridional presentaranos o seu último espectáculo, “Iberian Gangsters”, finalista na última edición dos Premios MAX. A programación para público adulto se completa coa presentación do recén estreado disco de Susana Seivane, e os últimos espectáculos das compañías galegas Talía Teatro e Teatro do Noroeste.

Na oferta para toda a familia poderemos ver a compañías ultrapremiadas como Spasmo Teatro, LANÖRDIKA ou Pata Teatro. Completan a oferta as compañías galegas Talía Teatro, Elefante Elegante, a maxia do Mago Teto e a música tolémica de Píscore, xunto co espectáculo para bebés “BBCircus” da compañía viguesa Asacocirco.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios e PLATEA  como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos para o espectáculo de Yllana será de 10 €, namentres que para o resto de espectáculos para adultos será de 8 €. Todos os espectáculos destinados a público familiar terán un prezo de 5 €.

Para fomentar a utilización das canles de venda anticipada e para evitar as colas no despacho de billetes antes de comezar os espectáculos, cos conseguintes retrasos no comezo das funcións, o Concello asumirá o custe dos gastos de xestión na venda anticipada. Deste xeito, o espectador pagará o mesmo mercando a entrada en anticipada que o propio día no despacho de billetes do Auditorio. As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do xoves 13 de setembro (sen gastos de xestión), a través da páxina web de Ticketea (www.ticketea.com), no teléfono 902.044.226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou ben o mesmo día do espectáculo, a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

- Publicidade -spot_img