spot_img
InicioVigo e áreaVigoVigo xa ten operativo o carril bici entre Coia e a avenida...

Vigo xa ten operativo o carril bici entre Coia e a avenida de Bos Aires

Vigo xa ten operativo o carril bici entre Coia e a avenida de Bos Aires Desde hoxe xa é posible cruzar Vigo en bicicleta, grazas ao carril bici construído pola Deputación de Pontevedra e o Concello, operativo desde Coia ata a avenida de Bos Aires.

A presidenta de institución provincial, Carmela Silva, e o alcalde vigués, Abel Caballero, supervisaron desde a rúa Pizarro  _onde descubriron unha placa_ esta nova infraestrutura que pon á cidade na vangarda da transición ecolóxica e o transporte e a mobilidade sustentable.

Neste senso, Carmela Silva apuntou que esta obra é unha nova mostra de “trece anos dunha transformación imparable” en Vigo e destacou que a Deputación de Pontevedra ten unha aposta fundamental “por este novo modelo de cidade e de mobilidade que promove, por un lado, a peonalización e por outro, o uso ciclista das vías de comunicación”. “Hai moi poucas cidades en España que teñan mas de oito quilómetros de carrís bici, que cada vez son máis utilizados _apuntou_. Con proxectos como este, a cidade convértese nunha referencia de accesibilidade e de seguridade viaria, nunha cidade para a que todo mundo esta mirando”. A institución provincial achegou 3,5 millóns de euros a este proxecto no marco do convenio asinado co Concello de Vigo.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero tamén incidiu en que este carril bici “que cruza a cidade dunha punta a outra” converte a Vigo nunha “ecocidade” e que este tipo de infraestruturas baseadas na mobilidade sostible  “son o presente e o futuro”. “Creo que a Deputación e o Concello fomos capaces de ver que por aquí ían vir as cousas _manifestou_. E agora que o coronavirus nos deu un fortísimo  toque  de atención, amais do dramático dos falecementos, entendemos que hai que facer un modelo de cidade distinto. E a dos carrís bici, que significan ecoloxía total e vida saudable, é unha cultura na que a xente moza xa esta instalada e a demanda. Imos desfrutalo, imos percorrelo, porque son carrís con seguridade e nos encanta a bicicleta como modo de transporte sostible”.

O rexedor lembrou que o carril bici terá continuidade na avenida de Europa cun proxecto propio que contempla tamén a habilitación de novas zonas verdes e de estancia, dentro deste novo xeito de “entender a cidade”. E amais anunciou tamén que o Concello está a preparar un plan director que contempla, ao menos, tres carrís bici máis do tamaño do actual. “Vigo ten unha climatoloxía extraordinaria e temos que facer uso deste clima suave _indicou_. É posible facer carrís bici como este practicamente sen pendentes. Se aproveitamos esas dimensións poderemos facer ducias e ducias de quilómetros de carrís bici. Europa nos vai dar un mandato de cidade ecolóxica e sabemos que isto vai de dixitalización, de axenda urbana e ecoloxía e medio ambiente, que é o que estamos a facer”. Caballero puntualizou tamén que no tramo da Travesía de Vigo, a nova infraestrutura non é segregada, senón que transcorre simultánea, “de modo que no carril hai que circular a 10 quilómetros hora e os automóbiles  poden ir nun tramo”. E avanzou que este proxecto enlazará tamén coa futura Vía Verde: “Haberá un dobre percorrido, unha parte por Travesía e outra será a Senda Verde que chega ata Redondela”.

- Publicidade -spot_img