Inicio Pontevedra O CAAN da Deputación rescata 28 cachorros de catro camadas en Meaño,...

O CAAN da Deputación rescata 28 cachorros de catro camadas en Meaño, A Cañiza e Salvaterra

O CAAN da Deputación rescata 28 cachorros de catro camadas en Meaño, A Cañiza e Salvaterra
Salvaterra

Os animais, que teñen entre un e dous meses de idade, recupéranse nas instalacións de Armenteira, a pesar de que algúns entraron en condicións críticas

Persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da  Deputación de Pontevedra rescatou nas últimas dúas semanas a un total de 28 cachorros, pertencentes a catro camadas, nos concellos de Salvaterra, A Cañiza e Meaño. As crías, cuxas idades oscilan entre o mes e os dous meses, estanse a recuperar nas instalacións da Armenteira, precisamente na nova zona de maternidade que estreou a principios do mes de agosto.

A primeira das camadas, de sete cachorros, foi recollida no concello de Salvaterra o 18 de agosto. Os catro machos (“Medo”, “Salvo”, “Salvado” e “Savo”) e tres femias (“Meda”, “Sava” e “Salvada”) foron atopados coa súa nai “Medai” en condicións críticas, con diferentes patoloxías e moi débiles, pero afortunadamente están a evolucionar de xeito favorable. Teñen agora dous meses de idade e están conseguindo saír adiante cara súa futura adopción. Neste senso, hai que lembrar que os animais do CAAN non poden abandonar o centro ata ter completado o seu cadro de vacinacións.

O CAAN da Deputación rescata 28 cachorros de catro camadas en Meaño, A Cañiza e Salvaterra
A Cañiza

Posteriormente, o día 24 o CAAN rescatou a dez cachorros dunha zona de moi difícil acceso nun monte da Cañiza, despois do aviso dun particular. Neste caso, non se puido recoller nesa xornada á nai e os catro canciños e seis cadeliñas están a evolucionar moi ben, a pesar de que foron recollidos con apenas un mes de idade. Trátase de “Astra”, “Cana”, “Corsa”, “Saura”, “Landra”, “Algrava”, “Barrilo”, “Ouro”, “Mercurio” e “Granito”.

Finalmente, o 2 de setembro recolléronse outras dúas camadas de 5 e 6 cachorros en Meaño, a segunda delas coa súa nai. “Perla”, que así se chama esta última cadela, está a recuperarse nas instalacións da Armenteira xunto a seus dous cachorros “Per” e “Perlo” e as súas catro cadeliñas (“Perlona”, “Perlina”, “Perniña” e “Rula”), que se calcula que teñen apenas un mes de idade. Doutra banda, a camada de cinco cachorros recollida na mesma xornada está formada por cinco machos, “Jalo”, “Benson”, “Toyo”, “Gudel” e “Rock”, e o persoal do CAAN calcula que teñen mes e medio.

O contrapunto destas recollidas de animais abandonados está no excepcional ritmo de adopcións que está a acadar o CAAN este ano. Ata hoxe foron xa 352 os cans e cadelas que desde o centro atoparon un novo fogar non só na provincia, senón en distintos puntos da xeografía galega e española e mesmo en Portugal. A cifra está xa próxima ao récord de adopcións logrado o pasado ano, dun total de 466, de xeito que incluso podería superarse a previsión de 500 adopcións que se mantiña para este 2020.

A meirande parte destas adopcións (310) realizáronse por cidadáns de Galicia, aínda que hai que destacar que 12 cans e cadelas atoparon novo fogar en Portugal e os restantes 30 animais viaxaron a outras comunidades españolas como Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Navarra, Madrid e Andalucía.

No que respecta ás adopcións en Galicia, a maioría (245) formalizáronse na provincia de Pontevedra, pero hai que destacar as 45 realizadas por persoas de Lugo e 19 en A Coruña. E, dentro da provincia pontevedresa, a maioría dos cans e cadelas foron adoptadas por cidadáns de Vigo (28) e Pontevedra (27), seguidas polas formalizadas nos concellos de A Estrada (15), Meis (14) e Sanxenxo (13).

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

Publicidade

+ VISTOS

Publicidade
Publicidade



Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies