·Publicidade ·spot_img
InicioVigo e áreaVigoVigo, primeiro porto do norte de España en recuperar o tráfico de...

Vigo, primeiro porto do norte de España en recuperar o tráfico de cruceiros

Vigo, primeiro porto do norte de España en recuperar o tráfico de cruceirosPara conmemorar a continuación dun tráfico tan relevante para a cidade, a Autoridade Portuaria de Vigo organizou unha benvida especial coa participación dun grupo de música e danza tradicional galega

Coa escala do pasado sábado, día 21 de agosto, do cruceiro de luxo Seadream I, Vigo convértese no primeiro porto do norte español en recuperar o tráfico de cruceiros. Tras case un ano e medio desde a última visita do Oceana, o pasado 11 de marzo de 2020, o Peirao de Transatlánticos acolleu de novo a pasaxeiros internacionais.

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, quixo recibir persoalmente ao cruceiro e, neste sentido, participou nunha breve cerimonia de intercambio de metopas a pé de peirao co capitán do buque para celebrar que era o primeiro cruceiro que arribaba ao porto tras a pandemia. No devandito evento estiveron presentes, por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, como máximo representante da institución, e David Castro, xefe de división de Xestión Comercial. Acompañáronos Sabela Vázquez, xerente da terminal “Vigo Cruise Terminal” e Iñaki Sánchez, axente consignatario de “A. Pérez e Cía.”. Por parte do Seadream I asistiron o capitán, Torbjoern Lund, de orixe norueguesa, así como varios oficiais e membros da tripulación.

Ademais da metopa conmemorativa desta escala tan especial, o máximo responsable portuario fíxolles entrega dun catálogo, edición limitada, da obra de Laxeiro.

Durante o acto, tiveron a oportunidade de conversar e Jesús Vázquez Almuiña interesouse en coñecer a opinión do capitán achega do Porto de Vigo, no que xa recalaran noutras ocasións. Torbjoern Lund trasladou a súa gran satisfacción cos servizos prestados e as infraestruturas, que considerou excelentes. Ademais, encomiou a beleza da Ría e a contorna.

Por outra banda, e co obxectivo de conmemorar a continuación dun tráfico tan relevante para a cidade, a Autoridade Portuaria olívica organizou, ademais, unha benvida especial, coa participación dun grupo de música e danza tradicional galega.

Características do buque

O Seadream I conta con 105 metros de eslora e unha capacidade máxima de 110 pasaxeiros, e xa visitou o Porto de Vigo noutras ocasións (as dúas últimas en 2019). Chegou ás 8 h desde o porto francés de Bordeaux (Bordeus) e partirá sobre as 16 h con destino a Cádiz, dentro dun itinerario con orixe en Oslo e que terminará no porto italiano de Civitavecchia, en Italia, o próximo 28 de agosto. A bordo viaxan pasaxeiros principalmente de nacionalidade norueguesa, aínda que tamén hai mexicanos, británicos e doutras nacionalidades.

Na súa escala en Vigo, o Seadream I contará cun aforo inferior ao 30% da súa capacidade, e aplicaranse todas as medidas determinadas pola normativa sanitaria en vigor. Ademais, a Autoridade Portuaria conta cun protocolo específico para escalas de cruceiros que recolle procedementos deseñados para promover medidas activas de distanciamento e de prevención fronte ao Covid tanto no interior das terminais como nos espazos exteriores de control de acceso, área restrinxida e zonas de tránsito de pasaxeiros baixo a súa xestión. Adicionalmente, e seguindo a normativa, habilitouse un espazo para Sanidade Exterior disposto para inspeccións sanitarias secundarias ou para a xestión de calquera posible incidente que así o requirise.

Durante a súa escala en Vigo, o Seadream I compartirá peirao co Azzam, que está a finalizar as súas reparacións en Vigo, e co World Explorer, que se atopa desde hai varias semanas na nosa cidade nunha parada técnica

Tripla escala en pleno centro O Seadream I compartirá peirao co Azzam, o megayate privado máis longo do mundo, que está a finalizar as súas reparacións en Vigo; e con outro cruceiro, o World Explorer, o primeiro buque de expedición polar construído en Portugal, propiedade da compañía portuguesa Mystic Cruises, que se atopa desde hai varias semanas en Vigo nunha parada técnica, e que ten previsto renovar a súa actividade a partir de outubro con itinerarios pola Antártida.

Con esta escala, Vigo incorpórase ao grupo de portos españois que, de forma gradual, foron recuperando o tráfico de pasaxeiros desde que, o pasado mes de maio, o goberno español levantase a prohibición aos itinerarios internacionais, froito da exitosa experiencia previa dos portos canarios en cruceiros con itinerarios exclusivamente nacionais, aos que se foron incorporando outros portos do Mediterráneo e do sur de España durante os meses de verán.

O fin da prohibición veu acompañado por unha serie de medidas promulgadas desde o Ministerio de Sanidade que inclúen estritos protocolos sanitarios por parte das navieiras, con medidas como unha redución considerable dos aforos máximos a bordo, vacinación e/ou test PCR antes do embarque e repetición de PCR ou test de antígenos durante o itinerario, excursións en grupos reducidos, coa posibilidade de facelas en modo “burbulla”, evitando o contacto coa poboación local para reducir o risco de contaxio, horarios diferentes de comida, embarque e desembarque, etc. Un protocolo esixente, en liña coas directrices europeas que seguiron moitos países como base para establecer a súa normativa.

- Publicidade -spot_img

Publicidade
Publicidade