spot_img
InicioVigo e áreaVigoVigo lidera a alianza europea para actualizar as necesidades formativas e de...

Vigo lidera a alianza europea para actualizar as necesidades formativas e de demanda de emprego do sector marítimo

Vigo lidera a alianza europea para actualizar as necesidades formativas e de demanda de emprego do sector marítimoPoranse en marcha toda unha serie de cursos que se xestionarán a través dunha plataforma dixital

Loxística, pesca, construción naval… os perfís profesionais relacionados co sector marítimo son múltiples e as necesidades formativas destes traballadores e traballadoras mudan á mesma velocidade que o fai a propia realidade do sector. De cara a identificar as principais necesidades formativas e de demanda de emprego deste ámbito púxose en marcha o proxecto europeo MarENet, unha iniciativa liderada polo Campus do Mar e na que están xa a traballar oito socios de centros educativos, institucións e empresas de España, Irlanda e Francia. O Edificio de Sesións do Porto de Vigo acolleu este mércores a reunión de lanzamento do proxecto, unha xuntanza de traballo que foi inaugurada polo presidente do porto, Enrique López Veiga, e a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, que, acompañados polo director do Campus do Mar, Daniel Rey, e o responsable de Sostenibilidade do Porto de Vigo, Carlos Botana, remarcaron a importancia dun proxecto co que se busca fortalecer a cooperación entre as empresas marítimas e o mundo académico, tanto universidades como centros de formación profesional.

“O obxectivo principal desta reunión é comezar a traballar na identificación de necesidades para a educación dos profesionais do sector marítimo e arrancar tamén cos trámites para a posta en marcha de diferentes cursos, que poden ser presenciais ou dixitais, para satisfacer esta demanda, sobre todo nos sectores loxísticos marítimos, pesca e construción naval”, explicou Daniel Rey intres antes de iniciarse a xuntanza. Unha vez que se identifiquen as necesidades de formación e as principais carencias nas destrezas dos traballadores e traballadoras destes sectores poranse en marcha toda unha serie de cursos que se xestionarán a partir dunha plataforma dixital, cuxa creación é o obxectivo último do proxecto. “A idea é que unha vez que estea creada esta plataforma sexa financiada por todas as partes interesadas e teña unha continuidade no tempo, pois este é o mellor modo de ser capaz de reaccionar ás necesidades de formación segundo vai aparecendo”, recalcou o responsable do Campus do Mar.

López Veiga sitúa a falta de estibadores como un dos principais problemas a solucionar

Na súa intervención o presidente do porto vigués, Enrique López Veiga, salientou como “evidente” que as cidades marítimas teñen que “cooperar para que a nosa xuventude e as persoas que traballan nos portos teñan unha formación adecuada e sexan o máis competitivas posibles”. Nesta liña López Veiga amosouse “moi ilusionado” co arranque deste proxecto, un traballo ao que se referiu como un exemplo máis de colaboración porto-universidade, unha alianza “inevitable” que está a dar, segundo explicou, importantes froitos, non só no eido do Blue Growth, o denominado como Crecemento Azul, senón tamén na loita contra o cambio climático. Respecto ao campo concreto da formación, López Veiga salientou que recentemente se identificou como unha necesidade clara a cualificación dos estibadores, unha cuestión que, ao seu modo de ver, “non é doada”, xa que se trata dun traballo moi especializado e do que hai unha alta demanda. “A falta de estibadores cualificados é un problema que nos afecta a toda Galicia e isto é unha das cousas, entre outras moitas, as que lle temos que pór solución”, recalcou o presidente, ao que engadiu que “unha das cousas que máis nos preocupa, e das que ademais o tempo nos dá a razón, é na necesidade de identificar aqueles aspectos formativos que teñen que ver coa loxística portuaria e todo o que é a economía marítima”.

24 meses de traballo e máis de 860.000 euros de financiamento

Nesta reunión de lanzamento do proxecto as e os participantes procederon a realizar un reparto detallado de tarefas entre os socios e a pechar prazos concretos no que a calendario de traballo se refire. “Temos que definir que tipo de estratexias imos adoptar nas partes máis problemáticas e analizar os diferentes riscos cos que nos podemos atopar na xestión do proxecto”, recalcou Rey, quen lembrou que este traballo ten unha duración de 24 meses e conta cun orzamento total de 867.922 euros, dos cales a Comisión Europea financia 694.338 euros, a través da chamada convocatoria Blue Economy do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, EMFF.

Xunto a Campus do Mar e a Autoridade Portuaria de Vigo participan no consorcio a Asociación Clúster do Naval Galego, Aclunaga; a Confederación Española de Pesca, Cepesca; o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa, ICSEM; os irlandeses Cork Institute of Technology e o Marine Institute – Irish Maritime Development Office, e a Universidade da Rochelle de Francia. “Existe unha longa relación de colaboración entre todos os participantes españois a través do Campus do Mar”, explica Daniel Rey, quen destaca o importante papel que xoga neste proxecto o Porto de Vigo, pioneiro en Europa no impulso da economía azul. “É un traballo que xurde da crecente inquietude do sector marítimo atlántico de crear un marco de apoio para compartir o capital humano, así como as melloras prácticas e ferramentas”, recalca Rey.

- Publicidade -spot_img