spot_img
InicioVigo e áreaVigoVigo acolle os actos centrais do Estado polo Día Mundial do Turismo

Vigo acolle os actos centrais do Estado polo Día Mundial do Turismo

Vigo acolle os actos centrais do Estado polo Día Mundial do Turismo Vigo será o vindeiro día 27 de setembro capital do Día Mundial do Turismo en todo o Estado tras decidir o Goberno conmemorar a data na cidade nun acto no que estará o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés

Revista COUSAS DE nº14

O alcalde Abel Caballero e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, compareceron esta mañá no emblemático miradoiro da fortaleza do Castro, coa Ría de Vigo como pano de fondo, para destacar o recoñecemento que supón este feito para a cidade e anunciar a celebración o día 27, con motivo da data internacional, da quinta edición de TurisTIC, foro organizado pola Deputación e xa consolidado como o  referente do sector en Galicia. O evento, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo e traerá a importantes personalidades de empresas do turismo e das novas tecnoloxías vencelladas ao sector, será inaugurado polo secretario de Estado de Turismo xunto coa presidenta e o rexedor vigués.

“Vigo e o destino Rías Baixas son o puntal turístico de Galicia”, resumiu a presidenta provincialCarmela Silva, para lembrar que as pernoctacións na cidade e o conxunto da provincia foron históricas, cun 91% de ocupación que se elevou ao 100% en Vigo no festival O Marisquiño e as festas de San Roque. “Os datos son estratosféricos”, celebrou a presidenta, que lembrou que “o destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia é a gran referencia do turismo en Galicia e dos primeiros do Estado”. A máxima responsable da Deputación explicou que “o Día Mundial do Turismo estaremos en Vigo para celebrar este sector tan importante que significa o 11% do PIB galego”, e remarcou: “Somos un modelo que moitos outros seguen para implantar nas súas cidades e provincias”. Ademais, Carmela Silva destacou o carácter simbólico do lugar no que se celebrou a presentación. “O Castro vivía de costas á cidade. Hoxe ten grandes atractivos grazas ao impulso do alcalde coa recuperación de todo este espazo, a iluminación nocturna e agora un proxecto extraordinario que vai permitir que recuperemos os túneles, xa en licitación polo Concello e financiada polo Goberno de España”, explicou a presidenta, para agregar: “O Castro é un lugar único de Vigo desde o que se ve a que Emilia Pardo Bazán definiu como a ría máis fermosa do mundo”.

Vigo, unha “potencia turística”

alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou que “hai dez anos era impensable que o Día Mundial do Turismo en España se celebrase en Vigo”. Hoxe, engadiu, “a cidade é unha potencia turística en España, que é unha potencia turística no mundo”. Abel Caballero resaltou o éxito do “modelo Vigo”, situou á urbe olívica entre as grandes cidades turísticas de Europa e avanzou que “a vocación turística de Vigo é Ilimitada”. O rexedor eloxiou á presidenta da Deputación por “dar un contido fantástico a este modelo turístico” e destacou de TurisTIC que “sempre é bo aprender dos expertos e expertas e trazar novas sendas”.

Sobre O Castro incidiu en que “hai 15 anos había aquí un pegote e este lugar era un horror, pero refixemos a muralla, descubrimos un túnel excepcional e en moi pouco tempo recrearemos aí unha gran batalla naval”, para sinalar que “este é un exemplo de como recuperar o patrimonio histórico da cidade”.

Presente e futuro do turismo en TurisTIC

A presidenta da Deputación destacou a calidade do programa de TurisTIC, agradeceu ao alcalde a súa colaboración para celebrar en Vigo “este gran acto do turismo” e anotou que “alí falarase de propostas e do turismo do presente e do futuro”. Carmela Silva indicou que o foro diríxese especialmente ao sector, ás administracións públicas e a medios especializados en turismo, se ben tamén está aberto a toda a cidadanía. O evento será retransmitido en streaming nas canles da Deputación de Pontevedra e as persoas interesadas en asistir presencialmente poden inscribirse na web de SmartPeme.

Este quinto TurisTIC leva por título “Do KM cero ao metaverso” e o programa desenvólvese a través de dúas mesas redondas e un relatorio, todos eles con grandes poñentes de sectores como a gastronomía, o turismo natural e cultural, as novas tecnoloxías aplicadas ás experiencias turísticas, aloxamentos ou comercio.

A primeira mesa versará sobre “A realidade do novo turista”. Estará moderada por Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, e participarán Erich Eichstetter, responsable de transformación dixital do Basque Culinary Center; Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón, con unha estrela Michelin; Mar Rodríguez, xerente da axencia especializada en turismo natural, activo e cultural Tee Travel; e Mónica Crisóstomo, CEO de Ideas Peregrinas, albergue de Tui e tenda especializada en produtos en torno ao Camiño Portugués.

O relatorio posterior leva por título “O turismo de proximidade: posicionarse nun mercado en plena revolución” e será impartido por Sara Sánchez Remacha, CEO de Rusticae, club e portal de reservas de hoteis e apartamentos con encanto e casas de turismo rural consolidado como unha marca de prestixio neste campo.

Revista COUSAS DE nº14

A segunda mesa redonda abordará o “Metaverso, o futuro máis próximo do turismo”, e estará moderada por Beatriz Heras, responsable de transformación dixital de ITH (Instituto Tecnológico Hotelero). Participarán nesta mesa Xoel Vázquez, cofundador e director executivo de Xoia Software, empresa que crea experiencias inmersivas a través de Realidade Aumentada; Laura Rodríguez, Sales Manager de HotelVerse, empresa que cambia o paradigma de reservas hoteleiras cun sistema que permite ao usuario explorar de forma inmersiva os establecementos; Lorena Rosende, CEO e cofundadora de Merasys, especializada en solucións baseadas na Intelixencia Artificial; e Vicky Vasán , cofundadora de Inmersiva XR, un ecosistema para persoas interesadas na Realidade Extendida.

Ruta polas medianeiras

Ao rematar, celebrarase un xantar networking e as persoas participantes farán un percorrido pola ruta de arte urbano de Vigo. “Non podemos rematar sen unha visita pola cidade. O alcalde propúxonos un percorrido no bus turístico para coñecer as medianeiras. Somos a cidade máis importante de Europa en número e calidade porque aquí pintaron os e as mellores representantes do muralismo do mundo”, concluiu Carmela Silva

- Publicidade -spot_img