Como máximos responsables do programa ViaGalicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, lanzaron unha convocatoria extraordinaria dirixida a aquelas startups que participaron na “Academia” das pasadas terceira e cuarta edición pero que, no seu momento, non foron seleccionadas para concluír o proceso na fase de “Aceleración”.
O prazo para concorrer a esta nova convocatoria, coñecida como Fast Track será de dúas semanas entre o vindeiro luns, 19 de febreiro, e o domingo, 4 de marzo, tempo no que os interesados en participar poderanse anotar a través da web de ViaGalicia.Unha vez finalizado o prazo de inscrición e analizada a evolución experimentada polas empresas en base a unha metodoloxía que permitirá avaliar a idea, o equipo e o grao de avance que realizasen desde que terminaron con éxito as súas correspondentes Academias, ViaGalicia comunicará os nomes das 2 empresas seleccionadas o día 5 de abril, data na que tamén se coñecerán os nomes dos 15 proxectos que pasan nesta presente 5ª edición á fase de Aceleración.
Con esta iniciativa ViaGalicia quere demostrar que é un programa no que sempre se aposta por proxectos que saben aproveitar os coñecementos desenvolvidos nas fases formativas e en base a iso, premiar o esforzo e constancia dos participantes, calidades que desde ViaGalicia considéranse fundamentais na aventura de emprender.
Como xa é habitual, esta fase de Aceleración desenvolverase durante seis meses no Centro de Negocios do Parque Empresarial Porto do Molle (Nigrán), co apoio dun experto equipo de titores e mentores. Todo un traballo conxunto no que as empresas poden chegar a recibir un apoio financeiro de ata 125.000 euros. Como último fito, e co obxectivo de conseguir maior financiamento ou novos socios, na xornada coñecida como Investors Day, os emprendedores defenderán o seu proxecto fronte a empresas, colaboradores e fondos de investimento externos.



