O Servizo de Normalización Lingüística organiza, novamente, proxeccións de cinema en lingua galega.
Baixo o nome de VERSIÓN ORIXINAL continúase o ciclo iniciado en 2013, e continuado en 2014, co obxectivo de ofrecer actividades de lecer en lingua galega e mostrar a súa riqueza e utilidade para as creacións audiovisuais. Asemade, dá a coñecer as creacións artísticas galegas e procura unha sensibilización da poboación para apoiar as producións que se fan en Galicia e á asistencia a espectáculos na lingua propia.
A programación ofrece dous filmes, un para idades moi temperás e outro para público adulto, que se proxectarán o auditorio da Xunqueira en alta definición.
O domingo 15 de marzo, ás 18.00 h, proxectarase o filme A tropa de trapo na selva do arco da vella, unha comedia de animación especialmente indicada para nenos e nenas de 2 a 6 anos, dirixida por Álex Colls e producida por Abano
Producións, que estivo nominada ao premio Goya ao mellor filme de animación en 2014.
Nesta nova e divertida aventura, a simpática Tropa viaxará até a selva do arco da vella para axudarlle a recuperar as súas cores que, debido á contaminación na Terra, van apagarse e perderán o seu brillo orixinal. Isto podería orixinar que as cores puidesen desaparecer para sempre do planeta e…¡a Tropa non pode permitilo!
A entrada ten un custo de 2 € (infantil) e 4 € (adulta), e poderanse adquirir no multiúsos da Xunqueira dende dous días antes á proxección.
O domingo 22 de marzo, ás 20.00 h, proxectarase o filme Os fenómenos, dirixido por Alfonso Zarauza e producido por Zirco Zine e Maruxiña Film, para público adulto, que obtivo 20 nominacións nos pasados premios Goya, incluídos o de mellor dirección e mellor película.
Unha muller que vive dende hai anos nunha furgoneta na costa de Almería, ve como a súa parella desaparece xusto o día en que ía comezar a traballar. Entón decide marchar e volver co seu bebé á súa cidade natal, Ferrol. Ao principio, ten moitas dificultades para encontrar traballo, pero acaba conseguindo un posto de peón de albanel. Alí terá que superar a dureza do oficio e mais o rexeitamento inicial dos homes, pero logo a súa cuadrilla comeza a destacar pola súa capacidade de traballo.
É un drama social con pinceladas de humor, que fala do esplendor e decadencia do ladrillo, a través do personaxe interpretado por Lola Dueñas. O reparto complétase con Luís Tosar, Juan Carlos Vellido, Ledicia Sola, Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Xúlio Abonjo, Gonzalo Uriarte e Antonio Durán “Morris”.
A entrada ten un custo de 4 € e poderase adquirir no multiúsos da Xunqueira dende dous días antes á proxección.



