Os galardóns recoñecen aos mellores do pasado exercicio en cada unha das 17 categorías convocadas, estando representadas modalidades como o fútbol sala, o tríatlon e o paratríatlon, o baloncesto en cadeira de rodas, o balonmán, a halterofilia, a vela, o hockey en liña, o remo ou o parataekwondo
O Xurado dos Premios do Deporte Galego 2014, presidido polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuniuse esta mañá no Concello de Vilagarcía de Arousa para fallar os deportistas e as entidades galardoadas na presente edición destes premios cos que, a Xunta de Galicia, recoñece aos que cada ano destacan de modo especial na súa contribución ao Deporte galego.
Como en exercicios precedentes, os galardóns fállanse en cada unha das 17 categorías convocadas, logo da deliberación do Xurado cualificador sobre as propostas remitidas por entidades deportivas, Concellos e outros organismos e entidades relacionados coa actividade física e co deporte na nosa Comunidade Autónoma.
Entre os galardoados nesta edición 2014, repiten os deportistas Susana Rodríguez Gacio (Mellor deportista feminina con discapacidade 2011 e 2013) e Javier Gómez Noya (Mellor deportista masculino 2011 e 2013), así como o Club Baloncesto AMFIV (Mellor equipo de deportistas con discapacidade 2009 e 2011), logo de volver a acadar no pasado ano uns excelentes resultados nas súas respectivas competicións deportivas.
Durante a rolda de prensa posterior á sesión do Xurado, o secretario xeral para o Deporte, acompañado do Alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, quixo felicitar a todos os premiados, así como agradecer a súa contribución ao desenvolvemento do Deporte galego. “Os seus logros fan sentirse orgullosos ao conxunto de galegos e galegas, e constrúen país a través do deporte e en modalidades tan dispares como o fútbol sala, o tríatlon e o paratríatlon, o baloncesto en cadeira de rodas, o balonmán, a halterofilia, a vela, o hockey en liña, o remo ou o parataekwondo”, apuntou Lete Lasa. O secretario xeral fixo tamén especial mención á labor de todos os premiados na súa contribución á consolidación do deporte e da actividade física en Galicia como hábitos cotiás de vida porque, “a cada un deles, dende as súas respectivas funcións e profesións, debémoslle unha Galicia máis deportiva, unha Galicia máis saudable e máis activa”. Finalmente Lete Lasa, ademais de agradecer a labor do Xurado cualificador, convidou a todos a participar do acto de entrega dos galardóns que terá lugar o vindeiro 9 de abril, e baixo a presidencia do titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.
Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, dixo sentirse orgulloso de que a secretaría Xeral elixira Vilagarcía para a reunión do xurado dos premios e tamén para a celebración da Gala do Deporte Galego dada a vocación e a firme aposta desta cidade para con o deporte. O rexedor lembrou o esforzo realizado polos distintos gobernos locais ao longo das últimas décadas conseguir situar a Vilagarcía na elite do deporte galego, nacional e mundial xa que froito dos investimentos en equipamentos e infraestruturas deportivas e tamén na promoción de deporte base e federado, da cidade saíron numerosos campións e deportistas de elite, como Antón paz, ouro olímpico en vela; futbolistas como Manuel Jiménez ou Pablo Coira; ciclistas como César Gustavo Veloso e unha infinidade de campións en taekwondo, por poñer só algúns exemplos.
Os galardoados nesta edición 2014 dos Premios do Deporte Galego son:
1. Premio á mellor deportista feminina: Vanesa Sotelo Quintela (fútbol sala).
2. Premio á mellor deportista feminina con discapacidade: Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon).
3. Premio ao mellor deportista masculino: Javier Gómez Noya (tríatlon).
4. Premio ao mellor deportista masculino con discapacidade: Alejandro Vidal Álvarez (parataekwondo).
5. Premio ao mellor equipo feminino: Alejandra Suárez González – Helena Pérez Álvarez (vela).
6. Premio ao mellor equipo masculino: Carlos Paz – Antón Paz Blanco (vela).
7. Premio ao mellor equipo de deportistas con discapacidade: Club Baloncesto AMFIV (baloncesto en cadeira de rodas).
8. Premio á mellor entidade na promoción do deporte de base: Club Carmelitas Vedruna.
9. Premio ao/a mellor adestrador/a: Ferenc Szabo Tatar (halterofilia).
10. Premio ao/a mellor árbitro/a –xuíz/a: Alberto Rodríguez Rodríguez (árbitro, balonmán).
11. Premio ao mellor labor informativo: Javier Ferreiro Campo
12. Premio ao mellor evento deportivo: O Marisquiño
13. Premio ao patrocinio deportivo: Conservas FRINSA
14. Premio deportista revelación: Ex aequo, Andrea Ferreiro Gómez (hockey en liña) e Jaime de Haz Iraurgui (remo)
15. Premio “Galicia Saudable” á entidade de carácter público destacada no fomento e na promoción da actividade física e dos hábitos de vida activa: Circuíto Ribeira Sacra de carreiras populares
16. Premio “Galicia Saudable” á entidade de carácter privado destacada no fomento e na promoción da actividade física e dos hábitos de vida activa: Fundación Maria José Jove
17. Premio “Galicia Saudable” á entidade educativa destacada no fomento e na promoción da actividade física e dos hábitos de vida activa: CEIP Virxe da Pena da Sela, O Irixo.