spot_img
InicioPontevedra e ÁreaUVigo Motorsport prepara o coche co que competirá este verán en dúas...

UVigo Motorsport prepara o coche co que competirá este verán en dúas carreiras da Fórmula Student

Cando hai dous anos, un grupo de estudantes de Enxeñería Industrial creou UVigo Motorsport, seguramente non repararan en que o froito do seu xermolo podería acadar este tamaño. Cun coche que xa sabe o que é correr con solvencia en escenarios míticos do motor coma Silverstone, Hockenheim ou Montmeló, e coa perspectiva que dá o tempo, a competición e, sobre todo, as horas de traballo, os responsables da escudaría da Universidade fan unha análise da súa situación a tres meses de volver a prender motores na Fórmula Student, a competición universitaria de motor máis prestixiosa do mundo.

“O coche para este ano está ao 60%”. Rematado o proceso de deseño, o director técnico do equipo, Marcos Fernández, resume o estado da fabricación do novo bólido e marca os pasos a seguir ata lograr a peza definitiva, “dese 40% que nos falta, debemos repartilo a partes iguais entre a fabricación e a montaxe”. Sen embargo, tanto Fernández coma o responsable de Carrocería e Aerodinámica do equipo, Adrián Balado, adiantan que a espera para ter o modelo definitivo pagará a pena, xa que “será un coche moito máis competitivo que o do ano pasado”, como subliñan. Para amosar estes avances na pista, o verán ten dúas citas marcadas no calendario do equipo, desas que non se esquecen, entre o 2 e o 6 de agosto no circuíto checo de Hradec Králové, e do 24 ao 28 do mesmo mes, cando volverán a Montmeló.

Máis diñeiro, mesmas urxencias

O UM16 será mellor coche que o seu antecesor porque os medios para crealo tamén son superiores.  O crecemento de UVigo Motorsport vese reflectido nas arcas, con 20.000 euros máis no seu orzamento respecto ao ano pasado. Uns 85.000 euros que, pese a todo, non impiden seguir pasando apuros cando se trata de competir. “Son carreiras que requiren moitos cartos”, recalca Fernández mentres debulla os diferentes gastos aos que debe facer fronte o equipo, “algúns son fixos como a inscrición nas competicións, o traslado do coche e o do propio equipo, pero tamén necesitamos pagar consumibles como poden ser a gasolina ou as rodas”. Para facer aínda máis pequena esta cantidade, Balado compáraa coas que dispoñen outros equipos de Fórmula Student nos seus orzamentos, “algunhas das escudarías alemanas e austríacas teñen máis dun millón de euros para competir”, sinala.

A escaseza de recursos para acudir ás carreiras é parte do prezo que paga o equipo como consecuencia da súa maior ambición para esta temporada, pois como di Balado “todo o que aumentamos de orzamento destinado ao coche é o que restamos para gastar en todo o demais”. Con este investimento, o equipo segue sen ter os cartos suficientes para acudir á carreira da República Checa, da que xa estiman un valor aproximado de 15.000 euros, “o que pode custar unha proba destas características con todos os gastos cubertos”. Para que o equipo chegue a competir nas mellores condicións, acadar patrocinadores é tan necesario coma duro, e “ata o de agora co que máis nos poden axudar é con materiais e man de obra, facernos as pezas e o mecanizado, e preferímolo a que nos dean o diñeiro e ter que gastalo nese compoñente”, apuntan.

A presentación do UM16, en xullo

O bólido que representará á Universidade este verán “é un 90% novo”, como resalta Fernández, quen explica que o UM16 conservará “pezas moi importantes como a amortiguación e o diferencial” do anterior modelo. Polo demais, compoñentes novos e redeseñados para obter a mellor creación posible, entre os que destaca un, o que proporcionará ao novo modelo o seu gran salto cualitativo, “cambiamos o chasis tubular de aceiro por un monocasco de fibra de carbono”, explica o director técnico do equipo. Unha modificación que diminúe de xeito considerable o peso do vehículo, e será esa lixeireza a gran baza de cara á competición, sen esquecer outros factores como a aerodinámica, “da que realizamos unha análise exhaustiva”, e o motor, “con melloras que o fan moito máis potente”. Para facer posible esta evolución, a escudaría contou coa colaboración de entidades como Resinas Castro e Skillful, encargadas de fabricar o novo chasis; GKN, creadora da transmisión; ou Precisgal e Europrecis, que realizaron algunhas das pezas do mecanizado.

Aínda que a ilusión do equipo polas expectativas creadas co novo vehículo é notoria, aínda será necesario esperar para coñecer o que están a preparar no seu taller. Fernández e Balado xa adiantan que a presentación será a comezos do mes de xullo, “en canto desmontemos o coche actual, fabriquemos e montemos o novo”. Os membros do equipo consideran que esta é unha data clave, pois “necesitamos contar con suficiente tempo de rodaxe antes de levalo cara a República Checa, xa que a nosa intención é reparar todos os erros que teña aquí para non atoparnos cunha sorpresa alá”, sinala Balado. O UM16 fará o seu particular adestramento no aparcamento da Escola de Enxeñería Industrial e pola noite, o único período do día no que é posible practicar, “esa é a opción que temos porque non dispoñemos nin dos medios nin dos cartos necesarios para levar o coche a un circuíto”, conclúen. Probas, soños e un gran reto, deixar á Universidade e a Galicia ben alto.

UVigo//P. Santos

- Publicidade -spot_img

[adrotate group="3"]
[adrotate group="2"]
[adrotate group="4"]
[adrotate group="5"]

Información das cookies

Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.