spot_img
InicioBaixo MiñoA GuardaUnha tempada de praia exitosa e sen incidentes marcou o verán da...

Unha tempada de praia exitosa e sen incidentes marcou o verán da Guarda

unha-tempada-de-praia-exitosa-e-sen-incidentes-marcou-o-veran-da-guarda

A máis que favorable meteoroloxía dos meses de xullo e agosto, así como as fermosas e variadas praias que se poden atopar na costa guardesa, contribuíron a que esta fora unha das mellores tempadas para o turismo e as praias da vila do Baixo Miño.

A Guarda conta con numerosos atractivos entre os que destacan as súas praias, tendo a posibilidade de relaxarnos xunto ó río ou ó mar. Ademais conta con dous areais con bandeiras azuis: a praia de Area Grande e a do Muíño, xunto á desembocadura do río Miño. Estas están unidas por un sendeiro litoral que é un dos 11 recoñecidos como sendeiros azuis na provincia de Pontevedra e que une os dous areais, e o mar e o río, nunha ruta de gran beleza natural.

Para poder manter os estándares de calidade, as praias da vila tiveron unha completa posta a punto no mes de xuño, no que se realizou unha exhaustiva limpeza manual. Esta limpeza é moito máis custosa pero tamén moito mellor en termos de conservación medioambiental. O sistema que se empregou consistiu na acumulación de lixo en montes ou en sacos, segundo o tamaño dos fragmentos, para que logo un tractor fixera o traslado ata o punto de recollida do camión. En ningún caso se utilizan sistemas mecánicos de rastrillado da area. Con isto se conseguiu un uso da praia e do seu entorno no que a xente pode gozar da natureza con criterios de sostibilidade medioambiental.

Ademais, as dúas praias de bandeira azul contaron con servizo de socorrismo dende finais de xuño, que continuou ata onte, domingo 11 de setembro. As súas bandeiras azuis poñen de manifesto a calidade destas praias en canto ás augas de baño, a información e educación ambiental, a xestión ambiental e seguridade, así como os servizos e instalacións. Trátase, pois, dunhas das mellores praias da xeografía galega que nestes meses de verano visitaron, e aínda seguen a facelo, milleiros de persoas, nunha tempada que se desenvolveu de maneira satisfactoria e sen incidentes.

- Publicidade -spot_img