
A intervención, realizada dentro do plan “Tomiño, á procura da excelencia”, consistiu en tarefas de mellora acústica e da imaxe corporativa do mercado; creación dunha zona de lavado e amoblamento no andar superior, e a subministración de varias máquinas.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu ao Concello de Tomiño unha subvención para realizar varias melloras no Mercado Municipal, dentro do plan “Tomiño, á procura da excelencia”.
O importe da subvención ascende a 38.675,71 euros, aos que o Concello sumou outros 16.238,80, de fondos propios, para poder afrontar as obras e subministros, que tiveron un custe total de máis de 55.200 euros.

A intervención consistiu, concretamente, en tarefas de mellora acústica e da imaxe corporativa do mercado; creación dunha zona de lavado e amoblamento no andar superior; subministración dunha cámara comunitaria para froitas e dunha máquina para fregado, secado e abrillantado do chan; instalación dun sistema colga cadros en carril con movemento flexible, etc.
O mercado municipal, que fora obxecto dunha profunda reforma hai un par de anos, conta agora con máis servizos que ofrecer aos seus praceiros e aos clientes, que contan cunha oferta diferenciada e de calidade.
O mercado conta cunha ducia de postos de produtos frescos (froita, verdura, carne, peixe, chacinaría, panadería, produtos ecolóxicos, conservas, florería, etc.), situados todos eles na planta baixa do edificio.

A planta superior acolle postos coma un de comida caseira para levar, conservas naturais, viñoteca e outros que se incorporarán en breve. Esta planta, á que pode accederse tamén por ascensor, constitúe un novo espazo lúdico-gastronómico, dotado de música ambiental, wifi gratuíta, e outros servizos.
Por outra banda, dende hai un tempo é posible visitar o mercado a través de Google Maps, e percorrelo de forma virtual en 360º. Aínda que algúns mercados de Galicia xa teñen este servizo, o de Tomiño, é un dos primeiros da Comunidade Galega en ofrecer este tipo de difusión pública e globalizada.
Ademais da visita virtual polo interior do edificio, o navegante atopará na ligazón (http://maps.google.com/maps/place?cid=15113498850728130126) unha ampla galería fotográfica, cos distintos postos do mercado, servizos e actividades complementarias que se levan a cabo dentro da instalación.
Con esta acción “posicionamos o noso mercado en buscas de Google e podemos visitalo, grazas ás novas tecnoloxías”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Ademais, o Concello creou unha páxina web (www.mercadotomino.com), e outra de Facebook (Mercado de Tomiño) que xa ten cerca de tres mil seguidores.



