spot_img
InicioVigo e áreaVigoUnha senda ciclo peonil percorrerá a zona dos estaleiros ata Bouzas

Unha senda ciclo peonil percorrerá a zona dos estaleiros ata Bouzas

Unha senda ciclo peonil percorrerá a zona dos estaleiros ata BouzasPorto de Vigo e Xunta de Galicia ultiman unha nova humanización e senda ciclo peonil que permitirá completar a creación dun novo espazo dedicado para a mobilidade sostible por toda a fachada portuaria, desde o Arenal ata Bouzas, que alcanzará o 7,4 km de lonxitude

Cousas de revista nº16

Tras a conclusión, o ano pasado, do 1er tramo do carril ciclo peonil de Orillamar -o que discorre desde a rotonda do Porto Pesqueiro ata o cruzamento coa Rúa Coruña- e a próxima apertura dunha nova senda na contorna do Berbés, a Autoridade Portuaria de Vigo licitará, o vindeiro luns, o 2º tramo do carril ciclo peonil de Orillamar, que abarca toda a zona de estaleiros.

Unha senda ciclo peonil percorrerá a zona dos estaleiros ata Bouzas
Recreación parcial do proxecto

Esta actuación, cofinanciada pola Xunta (Fondos MRR) a través dun convenio de colaboración, supoñerá a humanización da zona e a creación dun novo carril ciclo peonil no tramo situado entre a glorieta da Praza da Industria e a igrexa de San Miguel de Bouzas, é dicir, unha intervención que abarcará 1,5 km, o que permitirá completar a creación dun carril bici por toda a fachada portuaria, desde o Arenal ata Bouzas, que alcanzará o 7,4 km de lonxitude.

Todas as obras xa executadas ou actualmente en marcha, xunto con este novo tramo, permitirán un achegamento do cidadán á actividade portuaria desde un punto de vista sostible, favorecendo o uso dos espazos públicos e fomentando formas de mobilidade alternativa.

Unha senda ciclo peonil percorrerá a zona dos estaleiros ata Bouzas

Así o confirmou esta mañá o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, tras visitar a zona xunto á delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias. Segundo explicou, esta actuación forma parte do Plan Estratéxico do Porto de Vigo e da estratexia europea de economía azul sostible, onde “damos prioridade aos proxectos de interacción coa cidade e buscamos a sustentabilidade ambiental, económica e, por suposto, social”, subliñou, á vez que avogou por “facilitar a permeabilidade entre o porto e a cidade”.

Pola súa banda, Fernández-Tapias destacou que “a Xunta e o Porto demostramos de novo que a colaboración institucional é sempre a mellor opción para lograr beneficios para os vigueses” e, neste sentido, lembrou que “somos dúas administracións coas súas funcións ben definidas, unha cunha clara vocación económica que dinamiza o Porto e outra dedicada a prestar todo tipo de servizos, que sempre se dan a man polo ben da cidadanía e que demostran que entre as súas misións está facer cidade, facer Vigo”.

Novos espazos de mobilidade sostible Concretamente, o novo tramo permitirá lograr a integración de itinerarios peonís continuos e accesibles, dotando á Avenida de Orillamar de novos espazos adecuados para outros medios de mobilidade sostible, sen afectar á sección rodada actual, e mellorando, por tanto, a seguridade viaria e optimizando a distribución da sección. Esta nova intervención busca, ademais, un equilibrio entre o funcionamento actual deste espazo, mantendo a actividade que se desenvolve nas marxes da Avenida, e a seguridade dos usuarios do mesmo, como peóns e ciclistas, actualmente moi prexudicados.

Neste contexto, a actuación prevista pasa por unha remodelación integral da sección actual da Avenida dentro dos límites físicos que a definen, incluíndo a reordenación dos aparcamentos, o que permitirá a implantación de aparcamentos para motos, a creación dun novo aparcamento xunto ao CSIC e ao Instituto Audiovisual e a redistribución do aparcamento do Liceo para aumentar o seu número de prazas. Ademais, contémplase a instalación de 60 aparca bicis.

A obra supoñerá a creación de máis de 11.300 m2 de superficie para peóns e ciclistas, 1.400 m2 de zonas axardinadas con diversas especies arbustivas e a plantación de máis de 140 árbores, así como a implantación de novos elementos de mobiliario urbano (bancos, papeleiras, etc.).

No que respecta a os traballos que se están executando actualmente na zona do Berbés e que tamén cofinancia a Xunta de Galicia, o máximo responsable portuario asegurou que avanzan a bo ritmo e a súa conclusión está prevista para o mes de marzo aproximadamente, momento no que arrincará a actuación nos estaleiros.

O investimento total de ambas as actuacións suma 5,6M€, dos que a Xunta de Galicia achega 3,5M€ e o Porto 2,1M€ e forman parte dun convenio subscrito o pasado ano co Goberno galego para o fomento da mobilidade sostible na fachada portuaria, que permitirá renovar a imaxe dunha zona degradada co paso dos anos e crear un novo espazo sostible para o goce dos cidadáns. Xunto a estas actuacións, o Porto de Vigo ultima as obras do paseo de Bouzas, o que rodea a Terminal de coches (1,3M€ con IVE), e cuxa finalización se prevé para o mes de maio deste ano.

- Publicidade -spot_img