spot_img
InicioCondado ParadantaUnha nova rede de calor con biomasa no Balneario de Mondariz permitirá...

Unha nova rede de calor con biomasa no Balneario de Mondariz permitirá un aforro en combustible de 80.000 euros anuais

unha-nova-rede-de-calor-con-biomasa-no-balneario-de-mondariz-permitira-un-aforro-en-combustible-de-80-000-euros-anuais

A utilización de materia orgánica como fonte enerxética representa un aforro económico e un beneficio ambiental. Así o demostra o proxecto de enerxía renovable levado a cabo no Balneario de Mondariz, que se basea nunha rede de distribución de calor con biomasa.

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe a nova rede de distribución de calor con biomasa instalada no Balneario de Mondariz. Unha instalación que, segundo precisou, permitirá ao complexo termal xerar un aforro económico anual en combustibles de 80.000 euros.

Neste sentido, a nova infraestrutura conta con 2 caldeiras cunha potencia total de 1.650 kW que centralizan a produción de enerxía térmica. Un calor xerado con biomasa que se distribúe por todo o complexo a través dunha rede de tubaxes de 1,2 quilómetros. Deste xeito, o district heating cobre a demanda térmica dos tres edificios do Balneario, satisfacendo as necesidades de produción de auga quente sanitaria e a climatización das piscinas do denominada Palacio del Agua.

Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Antonio Lorenzo Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, subliñou que, para a posta en marcha desta instalación a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou 200.000 euros a través da liña de apoios promovida polo Inega.

“Con esta actuación contribuímos á dinamización económica e social do Balneario e do Concello”, subliñou o director xeral. Neste contexto, lembrou, a actuación enmárcase na Estratexia de Impulso á Biomasa Forestal que está a desenvolver o Goberno galego e que é “unha oportunidade económica que permite o aproveitamento de todo o potencial que ofrecen os nosos montes”, promovendo unha industria que abrangue toda a cadea de valor do produto e que permite fixar emprego no rural.

Así mesmo, explicou Bernardo Tahoces, a aposta pola biomasa presenta tamén claros beneficios medio ambientais, permitindo o aproveitamento dun recurso autóctono, económico e limpo. Neste sentido, a nova rede de distribución de calor do Balneario de Mondariz evitará a emisión á atmosfera de de 600 toneladas de CO2 por exercicio, contribuíndo a un desenvolvemento sostible da comarca.

Nova liña de apoios
Ante os bos resultados desta e doutras actuacións, salientou o director xeral, a Consellería activará este ano unha liña de apoios específica para a promoción de proxectos de district heating con biomasa en empresas e administracións públicas galegas.

A orde contará cun orzamento específico de 4,2 millóns, que se suman aos preto de 8 millóns que xa se teñen activado neste comezo do ano para facilitar a instalación de caldeiras. Desta forma, explicou Bernardo Tahoces, a aposta do Goberno galego pola biomasa alcanzará este ano preto de 12,5 millóns de euros.

- Publicidade -spot_img