spot_img
InicioPontevedra e ÁreaPoioUnha guía afonda nas orixes de Combarro e no seu “descubrimento” como...

Unha guía afonda nas orixes de Combarro e no seu “descubrimento” como patrimonio cultural de Galicia

Unha guía afonda nas orixes de Combarro e no seu “descubrimento” como patrimonio cultural de GaliciaEste xoves o Museo de Pontevedra acolle a presentación desta guía, obra do catedrático Rafael Vallejo e na que documenta como a planta da vila responde aos deseños dos monxes de San Xoán de Poio

Presentar, tanto aos seus numerosos visitantes como aos propios veciños e veciñas, un conxunto de información que permita entender “a configuración dunha vila singular, a partir da xeografía, da historia, da arquitectura e do seu urbanismo” é, como salienta o catedrático da Universidade de Vigo Rafael Vallejo, o obxectivo principal da guía Combarro, patrimonio cultural de Galicia, que este xoves presenta no Museo de Pontevedra. Coincidindo co 50 aniversario da declaración desta vila como Conxunto Histórico, a asociación A Solaina editou coa colaboración co Concello de Poio unha publicación na que o catedrático de Historia e Institucións Económicas percorre a historia dunha vila turística que define ante todo como “patrimonio cultural de Galicia”. Trátase da terceira edición dunha publicación que incorpora diferentes novidades con respecto as súas versións previas. Entre elas, sinala, un apartado que permite coñecer como “o Combarro construído que hoxe vemos e habitamos” respondeu “a un plan poboador ou de colonización levado adiante polos monxes bieitos de San Xoán de Poio desde os séculos XII e XII”.

Revista COUSAS DE Nº13

Tras a súa presentación na propia vila hai unhas semanas, Combarro, patrimonio cultural de Galicia. Guía de su arquitectura y de su historia protagoniza na tarde deste xoves no Edificio Castelao un acto no que o seu autor está acompañado polo director do Museo, José Manuel Rey; a concelleira de Turismo de Poio, Silvia Díaz e o catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Manuel Santos.

2

Do deseño da rúa Nova ao “descubrimento” da vila

Promovidas tamén pola Asociación A Solaina de Defensa do Patrimonio Cultural de Combarro e editadas co apoio do Concello de Poio, esta guía tivo dúas versións previas en 2013 e 2017. Non obstante, recoñece Vallejo, esta nova edición “é en varios aspectos unha publicación totalmente nova e novidosa”. Por unha banda, pola ampliación que realiza no apartado dedicado á historia da vila, na que documenta como a “planta de Combarro” responde a unha “vontade e criterio ordenador” dos monxes de San Xoán de Poio, que, explica, “resolven con parcelas con frontes semellantes”, duns 100 metros cadrados de superficie, dos que unha parte destínanse á vivenda, dando lugar á rúa principal da vila, coñecida como rúa Nova no século XVI; mentres que a parte posterior destínase ás hortas.

Outra das principais novidades atópase no capítulo Descubrimento de Combarro como pueblo de interés artístico y turístico y declaración como Conjunto Histórico, no que Vallejo explica con detalle o papel que xogou a Sociedad Arqueológica de Pontevedra “no descubrimento e difusión dos valores artísticos, arquitectónicos e culturais de Combarro” a partir da última década do século XIX. O catedrático detense no papel que xogaron figuras como o que fora o primeiro director do Museo, Casto Sampedro, artistas como Zagala, Souto e Sobrino ou escritores como Emilia Pardo Bazán, Paz Andrade, Castelao ou Filgueira Valverde. O feito de que detivesen a súa mirada nesta vila levou no primeiro terzo do século XX ao que Vallejo define como “a dualidade” dunha vila “mariñeira, de xentes humildes”, pero tamén “pintoresca”. Tratábase xa dun núcleo “visto e valorado desde fóra, desde o mundo urbano, con valores que merecen ser coñecidos, divulgados e aproveitados como recurso turístico”, o que o leva a figurar nun “importante número” de publicacións, mesmo chegando a aparecer nunha das portadas da revista da axencia de viaxes Thomas Cook en 1924.

Este “proceso de descubrimento e valoración, desde a Galicia urbana, do Combarro digno de ser coñecido, estudado, divulgado e preservado, por ser representativo, en última instancia, da Galicia mariñeira e ao tempo labrega” supón á súa vez, como sinala Vallejo, o inicio dun “proceso longo”, que levará en 1972 á súa declaración como conxunto artístico e pintoresco de carácter nacional. Un proceso cuxas orixes Vallejo sitúa en 1929, ano no que a Junta Provincial de Turismo, “recollendo o sentir de Filgueira Valverde e do arquitecto Antonio Palacios, reclama a atención para a conservación e defensa do patrimonio arquitectónico de Combarro”.

Análise da súa arquitectura

No seu obxectivo de “presentar unha información cualificada” que permita proxectar Combarro como un espazo “cargado de valores culturais”, Vallejo afonda nesta publicación na arquitectura do conxunto histórico, analizando tanto as súas vivendas, como as construcións ligadas ao agro e ao mar, as igrexas e cruceiros. Neste apartado, afonda nas tres tipoloxías de casas que formaron parte da historia da vila. Por un lado atópase a casa terreña, “a máis primitiva”, que a día de hoxe xa non existe, “aínda que se adiviñan nalgunhas das vivendas actuais”. Por outro, a casa labrega, caracterizada pola súa amplitude e as construcións anexas ligadas ao traballo agrícola, das que “os exemplos son poucos tamén”, recoñece. Porén, o tipo de vivenda máis estendido é a da casa con sobrado, con dúas plantas e solaina, que dan lugar na súa rúa principal a “eses soportais estreitos que lle dan a feitura tan particular” á vila e que responden “a aquel plan colonizador medieval” do mosteiro de San Xoán.

Este percorrido pola historia de Combarro ilústrase na guía con 114 imaxes, desde planos e debuxos a carteis ou fotografías tanto históricas como actuais, que se suman a unha páxina de información turística e apartados dedicados ás festas e o dinamismo sociocultural da vila, a súa xeografía e a súa toponimia. Así mesmo Vallejo tamén reflexiona no seu epílogo sobre se realmente “conseguiuse na práctica” esa preservación do patrimonio dunha vila sometida “a un proceso de intensa terciarización turística”, o que leva a este catedrático a pór o foco en como o turismo, máis aló da xeración de riqueza, pode ser “altamente destrutivo” se non “se ten conciencia do espazo cultural no que se desenvolve”.

 

- Publicidade -spot_img