Inicio Galicia Un total de 96 concellos beneficiaranse das subvencións da consellería de cultura...

Un total de 96 concellos beneficiaranse das subvencións da consellería de cultura e educación para levar a cabo accións de promoción do uso da lingua galega no ámbito local

Un total de 96 concellos de Galicia beneficiaranse das subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para levar a cabo accións de promoción do uso da lingua galega no ámbito local. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2015 pola que se conceden axudas ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 22 de abril .

81 das entidades beneficiarias forman parte da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e 29 delas acceden ás axudas de maneira agrupada para crear ou manter servizos lingüísticos e desenvolver accións dinamizadoras

A Secretaría Xeral de Política Lingüística respalda economicamente a estes case 100 concellos que solicitaron, ben de maneira individual (concellos de poboación igual ou superior aos 3000 habitantes), ben de maneira conxunta, subvención para a prestación de servizos lingüísticos baixo as tres modalidades posibles: creación dun servizo lingüístico, mantemento do mesmo ou implementación de programas de dinamización lingüística.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución que en materia de normalización lingüística para 2015, vai dirixida ás entidades locais de Galicia

A esta convocatoria puideron concorrer todos os concellos ou agrupamentos locais cunha poboación mínima de 3000 habitantes e nela déuselle preferencia ao mantemento dos servizos lingüísticos e á súa xestión compartida. Deste xeito, búscase apoiar a estabilidade e a continuidade das accións dinamizadoras, así como a prestación de servizos mancomunados na Administración local, en favor dunha cobertura uniforme de Galicia e dunha atención que chegue a toda a cidadanía, pois máis do 50% dos municipios galegos non alcanza os 3000 habitantes.

Criterios de asignación das axudas
Polo que se refire ás actividades presentadas polos concellos para o fomento do galego, valoráronse máis aquelas que redundan na promoción do uso do noso idioma nos cinco ámbitos fixados pola propia orde de convocatoria: deporte, mocidade, TIC, economía e servizos sociais. Tamén se lles deu preferencia ás entidades solicitantes que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia (tal é o caso de 81 das 96 entidades beneficiarias das axudas) e mais a aquelas que presentaron os seus proxectos en agrupación con outras (que ven incrementada nun 30% a puntuación outorgada).

As contías asignadas pódense consultar no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal. As entidades beneficiarias poderán imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ao 15 de outubro de 2015.

Apoio a servizos lingüísticos en 60 concellos e ás actividades doutros 37
En virtude desta convocatoria de axudas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística apoia economicamente as accións dinamizadoras que se desenvolverán nos 39 servizos lingüísticos solicitantes e que lle darán cobertura a 60 concellos galegos. Entre eles cómpre destacar o da Mancomunidade de Municipios de Ordes, que lle dá servizo aos 7 concellos que a integran, ou os departamentos técnicos de lingua galega compartidos nos agrupamentos Miño-Vilarmaior, A Baña-Negreira, Boimorto-Sobrado-Mesía, Melide-Toques-Santiso-Palas de Rei e Rois-Dodro.

Resólvense tamén as axudas á creación de dous novos servizos lingüísticos, un no concello lugués de Monterroso e outro compartido polos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, San Xoán de Río e A Teixeira.

As subvencións apoian o financiamento de diferentes programas de dinamización, tanto nos concellos que contan con servizo lingüístico coma noutros 37 que, malia non dispoñer del, poderán contar con axudas para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego.

Apoio ao galego no ámbito local
A convocatoria de subvencións que hoxe se resolve no DOG forma parte das liñas de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e entre as que destaca a RDL. A RDL naceu, da man e co liderado da Xunta de Galicia, para coordinar os esforzos a prol da lingua propia que se fan desde as distintas administracións e na actualidade conta con preto de 170 entidades locais adheridas que realizan diversas accións de dinamización conxuntas ao longo do ano.

- Publicidade -

ÚLTIMA REVISTA

+ VISTOS

SÍGUENOS

692FansGóstame
308SeguidoresSeguir

ETIQUETAS

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies