Considérase prioritario este treito, xa que nel conflúen a futura VAP á Guarda; a A-55, que une Vigo con Portugal e dá saída á rede nacional de autovías; a N-551 que leva á ponte internacional; e e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño
Un total de 15 empresas presentan as súas ofertas para a redacción do proxecto de construción da Vía de Alta Capacidade (VAC) de Tui-A Guarda, treito enlace A-55 – enlace de Areas.
Este contrato licitouse por un importe de máis de 75.000 euros e prevese un prazo de execución de 8 meses. A continuación da redacción deste proxecto será posible licitar as obras do enlace que suporán un investimento por parte da Xunta de arredor de 12 millóns de euros.
A Xunta está a avanzar na súa determinación por completar o eixo de altas prestacións entre Tui e A Guarda, comezando pola conexión do enlace de Areas coa N-551 e a A-55, necesario para solucionar os tráficos e mellorar as conexións dun polígono que rexistra unha importante actividade económica, industrial e comercial. Cómpre lembrar que con data 6 de maio foi sometido a información pública a efectos expropiatorios o proxecto de trazado do enlace de Areas, que se desenvolverá nivel construtivo e se integrará co da VAC Tui – A Guarda mediante o contrato que hoxe se licita.
A Xunta, tras unha fonda análise técnica, funcional e social, detectou que este treito é o máis urxente nesta infraestrutura, xa que nel conflúen a Autovía A-55, que une Vigo con Portugal e dá saída á rede nacional de autovías; a N-551 que leva á ponte internacional; e e a PO-552 que vertebra o Baixo Miño. Ademais posibilítase a conexión dun polígono empresarial, o de Areas, que xera tanto tráficos pesados derivados das actividades industriais, como un elevado número de vehículos particulares que se achegan ás diferentes zonas comerciais.
O Goberno galego xa ten acadado unha solución que posibilita movementos directos sen necesidade de meter os tráficos no núcleo de Areas.
Cómpre lembrar que dende o 2014 está en servizo o treito entre Goián e A Guarda, 10 quilómetros de vía de altas prestacións cos que máis de 6.000 vehículos cada día ven mellorados os tempos de percorrido e, sobre todo, a súa seguridade viaria.